Baiona instala contedores de aceite doméstico usado

A instalación de contedores específicos destinados á recollida de aceites de uso doméstico, estratexicamente distribuídos en todo o termo municipal, veñen facilitar desde hai uns días a reciclaxe no Concello de Baiona. A colocación e distribución destes puntos de recollida no municipio permitirá ás baionesas e baioneses que a súa reciclaxe poida realizarse da forma máis cómoda, eficaz e efectiva.

E é que, como comenta o alcalde da localidade, Carlos Gómez Prado, “agora a posibilidade de reciclar aceite usado vese aumentada con estes contedores que nos van a axudar no obxectivo municipal de seguir avanzando na reciclaxe de residuos, fomentando e facilitando, neste caso, a reciclaxe de aceite usados, un dos residuos que tamén máis se xera a nivel doméstico”.

Este servizo repercute en importantes beneficios ambientais, como a redución na contaminación das augas ou os problemas que a vertedura deste residuo produce tamén sobre a rede de saneamento municipal, así como o aproveitamento que deste residuo pódese facer na produción doutros produtos, como biocarburantes, xabóns…

“Cunha sociedade cada vez máis concienciada coa reciclaxe, en resposta á demanda da cidadanía de contar con lugares apropiados para o depósito de aceite doméstico usado e á esixencia que nos impoñemos de ser cada vez máis eficientes na xestión dos residuos, o Concello vén facilitar ese labor aumentando a disposición de contedores deste tipo”, explicou Gómez Prado, convidando á cidadanía para facer uso destes novos contedores no obxectivo de facer de Baiona unha localidade máis sostible.

Desde o Concello insístese en facer un correcto uso destes puntos específicos, incluídos nas contornas das illas de reciclaxe, para evitar o refugallo de aceites usados nos contedores convencionais.

Localización dos contedores

Os contedores distribuíronse por diferentes puntos do municipio. Así, localízanse na Praza Victoria Cadaval en Sabarís, no aparcamento da Avda. Foz do Miñor (no aparcadoiro do Froiz de Sabarís), na Rúa Pomba, xunto ao Carrefour Market, nas inmediacións do cemiterio de Belesar, no Camiño Cemiterio en Baredo (inmediacións do cruceiro) e en Fontes. Tamén na Percibilleira, en Santa Liberata, na Rúa Palos de la Frontera nº12 e na rotonda da Gasolineira no Burgo.