Baiona ofrece ao SERGAS instalacións municipais para a vacinación masiva no Val Miñor

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, vendo que o ritmo de vacinación non é o idóneo e ante as grandes aglomeracións que veñen producíndose no IFEVI, fai chegar a total predisposición do Concello ao Sergas en colaborar en todo o que sexa necesario para facilitar que a campaña de vacinación masiva da poboación do Val Miñor, se axilice e se leve a cabo no municipio.

Desta forma, Carlos Gómez, pon ao dispor da Xunta as instalacións municipais pertinentes, así como todos aqueles medios materiais e humanos municipais que puidesen precisar para levar a cabo a vacinación masiva contra o COVID-19 e, desta forma, conseguir o obxectivo de vacinar aos habitantes do Val Miñor canto antes.

O alcalde lembra que Baiona acolleu o pasado mes de marzo un cribado masivo no Pavillón Municipal de Deportes e que funcionou de maneira óptima tanto para o persoal sanitario como para a cidadanía en xeral.

O alcalde considera que nestes momentos débense axuntar esforzos entre todas as administracións públicas para saír canto antes desta grave crise sanitaria e económica que estamos a sufrir no noso país, “polo que é necesario e imprescindible ofrecer á Servizo Galego de Saúde todos os nosos recursos humanos e materiais para acelerar a vacinación da cidadanía”.