Gondomar oferta seis cursos baixo a modalidade de formación en liña

O Centro de Información á Muller (CIM) da Concellería de Igualdade do Concello de Gondomar informa que se pon en marcha a nova oferta formativa baixo a modalidade de formación en liña. Este tipo de formación baséase nunha metodoloxía flexible coa que xa levan traballando estes últimos anos.

Ao igual que en edicións pasadas os cursos serán gratuítos e estarán destinados preferentemente a mulleres empregadas e desempregadas empadroadas no Concello de Gondomar. As prazas serán adxudicadas por orde de formalización de inscrición a través do rexistro do Concello ou da Sede Electrónica, sempre e cando se cumpran cos requisitos e se entregue toda a documentación correctamente.

A oferta formativa deste ano será:

  • A ensinanza do inglés para nenos/as de 1 a 3 anos (40h).
  • Organización de actividades en institucións sociais (20h).
  • Atención sociosanitaria a enfermos de Alzhéimer (20h).
  • Administración electrónica 2021 (30h).
  • Hixiene e manipulación de alimentos (5h).
  • Igualdade de oportunidades (150h).

Só se poderá realizar un curso por persoa e cóntase cun total de 15 prazas por curso. A inscrición deberá formalizarse no Rexistro Municipal ou a través da Sede Electrónica do 26 de abril ao 5 de maio. Para máis información acudir ao CIM, na Casa da Cultura, teléfono 986 389 355, ou contactar no correo electrónico aio@concellodegondomar.com. Esta actividade é cofinanciada con cargo aos créditos recibidos pola Deputación de Pontevedra.