Estudantes de deseño de interiores visitan as obras da nova biblioteca de Nigrán

O alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado da dirección técnica das obras da nova Biblioteca, realizou onte unha visita guiada a estas instalacións para unha ducia de estudantes de deseño de interiores da recoñecida escola de deseño viguesa Aula D. “Ao longo do curso facemos visitas a diferentes obras cun fin didáctico de cara ao proxecto final deste ciclo formativo de grao superior, esta é a gran obra pública que imos visitar e realmente estabamos ansiosos por coñecer de preto o resultado, que a todas luces é marabilloso”, incidiu o titor, Manuel Barreiro Chao.

Tal e como comprobaron, os traballos avanzan a gran ritmo con todos os oficios presentes simultaneamente co fin de tela rematada no mes de maio, sendo o obxectivo do goberno local aproveitar o verán para dotala de todo o equipamento preciso (con este fin xa se consignaron 224.000 € do Remanente de Tesourería).

O edificio pasará de contar con 120 metros cadrados no Ceán a 1.260 m², xerando espazos novos como a sala infantil independente, zona de estudo ou outra de usos múltiples.

Edificio bioclimático

A nova Biblioteca ocupa unha parcela municipal de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa a entrada por planta baixa.

O proxecto contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m2 (a actual biblioteca do Cean ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.

Cun deseño minimalista na que a fachada exponse de granito silvestre e cunha planta que se adapta á forma trapezoidal da parcela, consta de catro andares sen soto. Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.