Un bosque en Couso para lembrar a seres queridos

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Bosque das Memorias en Couso.

O censo de árbores exóticas de especies non invasoras do Bosque das Memorias de Couso continúa en aumento. Ás 17:00 horas de onte sábado, membros da Comunidade de Montes en Man Común plantaron un novo exemplar no terreo que a entidade ten reservado no Monte das Rasas para que os veciños da parroquia lembren aos seus seres queridos falecidos á vez que achegan unha árbore ao espazo.

Trátase dunha superficie que rolda os 7.000 metros cadrados. Ademais de gardar un significado moi especial ten á súa vez unha finalidade didáctica xunto á hectárea anexa que está a ser repoboada con unidades autóctonas grazas ao convenio formalizado coa asociación Verdeval, un grupo de custodia do territorio. A iniciativa xestada en 2019 xurdiu da man dun veciño que perdeu a un familiar nun accidente de tráfico, tras poñerse en contacto coa entidade e trasladarlle a idea decidiron poñela en práctica e aínda hoxe en día continúa collendo forma. A última incorporación foi en recordo a “Chachi”, un veciño que perdeu a vida nun sinistro no ano 2000 canto tiña 21 anos.

Para poder formar parte da iniciativa, os solicitantes deberán de custear o exemplar que previamente ten que ser autorizado polos comuneiros e xunto a el deberán de instalar unha pedra que conteña denominación científica e coloquial da especie elixida ademais do nome e apelidos da persoa á que queren homenaxear. “O seu crecemento é moi gradual e coa incorporación de hoxe a cantidade total ascende a sete”, explica o presidente da entidade, Xosé Antón Araúxo. Ademais tan só poden participar residentes na zona e comuneiros pero non supón un obstáculo, de feito teñen en lista tres incorporacións máis ao lugar aínda que sen prazo. Na zona coñecida como Chan da Mamonda comparten espazo especies arbóreas tan singulares como unha secuoya, un alicerce xaponés, un ginkgo biloba, un tezo ou un cedro do líbano, entre outros, ademais do último, un jacarandá.

O espazo cargado de simbolismo foi recuperado pola Comunidade de Montes e ata hai uns anos facía a función de entulleira. Así mesmo Araúxo adiantou que están a traballar na creación dun refuxio de anfibios cuxos detalles se darán a coñecer unha vez que o proxecto estea máis avanzado.

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Bosque das Memorias en Couso.