“O Teu Xacobeo” fai inventario das Casas Reitorais nas parroquias do Camiño Portugués pola Costa

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, desprazouse hoxe ata a parroquia de Santa Cristina da Ramallosa para presentar o proxecto de divulgación e revalorización patrimonial das Casas Rectorais do Camiño Portugués e Camiño Portugués pola Costa da investigadora galega Aroa Vargas Rial no marco de “O Teu Xacobeo”. Un programa no que o Goberno galego leva mobilizados 8 millóns de euros en dous anos para implicar a municipios, empresas e entidades sen ánimo de lucro nun Xacobeo participativo e descentralizado.

O proxecto, que conta cunha achega do Executivo autonómico de 25.000 euros, consistiu na elaboración dun inventario das 75 casas reitorais radicadas nas parroquias galegas polas que discorre o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa que foron visitadas individualmente, elaborando unha ficha de campo acompañada dun rexistro fotográfico e un croquis das mesmas.

Toda a información recollida será divulgada a través dunha páxina web, pensada como unha ferramenta áxil no seu acceso, que permitirá consultar a localización das casas e aportar documentación de cada unha delas. A última parte do proxecto consistirá nunha exposición fotográfica o próximo 29 de abril no Museo do Mar de Galicia.

Tras recordar que no marco da primeira convocatoria de “O Teu Xacobeo” están a levarse a cabo proxectos nuns 140 concellos da Comunidade, Fernández-Tapias exemplificou nas preto de 1.000 solicitudes rexistradas o éxito da nova edición. Un programa que tal e como sinalou “permítenos diversificar, entre moitos colectivos e a través de moitos pequenos actos, o impacto do Camiño e o valor deste Ano Santo no que nos atopamos, incorporando centos de propostas á programación do Xacobeo”.

Así, a delegada sinalou que esta segunda edición permitirá desenvolver un total de 220 propostas orientadas a dinamizar a programación sociocultural deste Ano Santo que se estenderá ata o 2022, destinando un investimento de case 3,3 millóns de euros.

Unha actuación coa que a Xunta de Galicia, dixo, busca a implicación e a participación de toda a cidadanía na programación deste Xacobeo, co obxectivo de que “sexan eles mesmos os que conten as súas historias e experiencias nos distintos roteiros do Camiño de Santiago”.

Segundo informou, os beneficiarios desta última convocatoria están xa a desenvolver os seus proxectos para o que contan de prazo ata o próximo mes de setembro, tras a concesión dun aprazamento por culpa da covid-19 co obxectivo de que poidan dispoñer de máis tempo para levalos adiante.