
O PP de Baiona reprocha ao tripartito que goberna o municipio desde 2019 que “malgastase” outros 5.445 euros na contratación a través dunha resolución da Alcaldía dun proxecto para a mellora da eficiencia enerxética na instalación eléctrica do aparcadoiro do Aral cando este tipo de estudos as empresas realízanos sen custo para as arcas públicas previamente á licitación do servizo (Art. 115 da Lei de Contratos) aínda que sen ningún tipo de vinculación con este debido a que a súa resolución responde exclusivamente a criterios técnicos e económicos. É por isto, indican os populares, que o Concello podería aforrarse este diñeiro para dedicalo a outros fins máis prioritarios neste momento como, por exemplo, axudar aos sectores máis castigados pola pandemia.
Para o PP baionés, este proceder de “gasto descontrolado e inxustificado” do equipo de goberno que xestiona o Concello desde 2019 é unha constante a pesar de que ao longo da pandemia, e pasou xa máis dun ano desde o seu inicio, non foi capaz de crear unha estratexia de reactivación económica para axudar aos seus veciños cando máis o necesitan. “O lóxico é que nunha situación tan excepcional como a actual na que centenares de familias están a pasalo mal implantar unha política de contención do gasto innecesario para poder destinar máis diñeiro a axudas directas, con todo en Baiona ocorre o contrario á lóxica. O Alcalde segue tirando o diñeiro en estudos que podería obter de forma gratuíta mentres que comercio e hostalería continúan sen cobrar nin un só céntimo das axudas directas municipais”, lamentan desde o grupo municipal popular. “E, ademais, esquécense de incluír na repartición do diñeiro ao sector servizos que tamén tivo que permanecer pechado polas restricións sanitarias”, apostilan como demanda ao goberno local.