Xornadas de Primeiros Auxilios no CPI Cova Terreña

O CPI Cova Terreña de Baiona organizou unhas xornadas de Primeiros Auxilios coa colaboración desinteresada de Protección Civil dentro das actividades de conmemoración do Día da Saúde. O alumnado puido aprender as técnicas básicas P+A+S (Protexer, Avisar, Socorrer), PLS (Posición Lateral de Seguridade), RCP (Reanimación Cardiopulmonar) ou a maniobra de Heimlich para atragantamentos.

Ás xornadas, que tiveron lugar ao longo da mañá do mércores 14 e xoves 15 de abril no ximnasio escolar, recentemente reformado, asistiron 149 alumnos e alumnas de 3º a 6º de Educación Primaria e 35 de 4º de ESO. O alumnado pasou unha xornada moi entretida que os achega ao xeito de actuar ante unha situación de emerxencia.

Dende o centro agradecen a colaboración de Protección Civil, que trasladou un numeroso equipo de persoas para o desenvolvemento da actividade respectando as medidas COVID do centro educativo. Esta asociación vén colaborando co centro en numerosas ocasións, mesmo durante a pandemia achegou o material escolar ás vivendas de boa parte do alumnado.