Red.es e ICEX, fixeron oficial a listaxe das 26 empresas nacionais que integrarán o Pavillón de España no próximo Mobile World Congress Barcelona 2021, que se celebrará en Barcelona do 28 de xuño ao 1 de xullo. Entre elas figuran dúas empresas galegas: a coruñesa INSURAMA BROKER ONLINE S.L.-situada na localidade da Coruña- e a pontevedresa NETUN SOLUTIONS S.L., situada en Porto do Molle, en Nigrán.
A presenza do Pavillón de España en MWC Barcelona 2021, organizado por Red.es, dá continuidade ao compromiso institucional de apoiar ás empresas tecnolóxicas españolas neste congreso mundial, o máis relevante no seu sector e que este ano leva como lema Connected Impact (Impacto conectado). As empresas presentes no Pavillón terán a oportunidade de mostrar durante os catro días do Congreso, os seus servizos e solucións en ámbitos de innovación como a intelixencia artificial, o 5G, o IoT, a ciberseguridade ou o blockchain entre outros.
Pavillón institucional de España
As empresas coexpositoras seleccionadas dispoñerán dun espazo propio no Pavillón de España e poderán beneficiarse dunha excelente localización dentro do recinto feiral Fira Gran Vía, así como dos servizos e dotacións do mesmo, que lles axudarán a aproveitar ao máximo a plataforma que MWC Barcelona supón para facer networking, dar visibilidade aos seus produtos e servizos e recibir inputs inspiradores para mellorar o negocio.
O Pavillón, nesta nova edición de MWC, dará un paso máis cara á innovación no que se refire ás accións e interaccións de expositores e visitantes dentro do mesmo e cara ao exterior. A tecnoloxía ponse ao servizo das persoas para ofrecer a mellor das experiencias e contribuír á consecución dos seus obxectivos.
Nesta nova edición o Pavillón de España, ademais, estrea nova localización no Hall 4 do MWC. O espazo expositivo dispoñerá dun formato máis diáfano e accesible contando ademais de maior altura. Todo iso permitirá maximizar tanto a notoriedade como a visibilidade do Pavillón e das empresas participantes.
Entre as compañías con presenza no Pavillón están dous de Galicia:
INSURAMA BROKER ONLINE S.L., empresa coruñesa que colabora con retailers de produtos tecnolóxicos, compañías teleco e aseguradoras para a distribución e xestión 100% dixital de seguros para dispositivos móbiles. En MWC Barcelona presentará “Muvin”, plataforma tecnolóxica e de servizos orientada ao desenvolvemento e distribución dixital de solucións aseguradoras para a cobertura de dispositivos móbiles, dispositivos electrónicos e vehículos de mobilidade sostible. Trátase dunha plataforma cloud modular, flexible e escalable que cobre todo o ciclo de vida do seguro cun reducido time-to-market de menos de catro meses de implantación e integración.
NETUN SOLUTIONS S.L., compañía pontevedresa dedicada a xerar innovación en materia de seguridade na estrada, mediante o deseño e desenvolvemento de tecnoloxías e produtos que conectan o asfalto, as persoas e as máquinas. Presentará “HELP FLASH”, dispositivo eléctrico luminoso que permite balizar un vehículo detido na calzada por mor dunha avaría ou un sinistro sen que os ocupantes teñan que abandonar o vehículo, substituíndo aos actuais triángulos de sinalización. O produto conta con activación magnética automática e é visible ata a un quilómetro de distancia.
O congreso anual, organizado pola asociación GSMA (Global Systems for Mobile Association) conta xa con máis de 16 anos de historia e consolidouse como o espazo onde as principais empresas de base dixital e tecnolóxica mostran as últimas novidades relacionadas non só coa telefonía móbil e as comunicacións inalámbricas, senón tamén con sectores tan innovadores como a intelixencia artificial, a robótica, a realidade virtual, a realidade aumentada, os drons e todo tipo de software e hardware.
As grandes empresas tecnolóxicas e fabricantes da industria das telecomunicacións presentan no congreso os últimos deseños e novidades en canto a tablets, wearables, computadores portátiles, 5G, coche conectado e outros produtos tecnolóxicos que cada vez están máis presentes no noso día a día.
Esta edición do MWC Barcelona poñerase en especial relevo como a tecnoloxía está a axudar a soportar a pandemia causada pola Covid-19.
A última edición (2019) contou con máis de 109.000 asistentes procedentes de 198 países e 2.400 empresas que presentaron as súas novidades e servizos nos 120.000 metros cadrados de exposición. A estas cifras hai que sumar a asistencia de 3.640 medios internacionais e analistas da industria, e un programa ministerial no que participan delegacións gobernamentais e organizacións intergobernamentais a nivel global.

