
O Concello de Nigrán engade no centro municipal de atención a persoas con enfermidades neurodexenerativas xestionado por Afaga o tratamento de musicoterapia, que será ofrecido semanalmente pola especialista Montserrat López-Merino, presidenta da Asociación Galega de Musicoterapia e responsable do Modelo Casa Baubo, con máis de dúas décadas de experiencia na nosa comunidade. Este tratamento tamén comprenderá ao alumnado do CEE de Panxón, neste caso ligado ao eido educativo-pedagóxico. O Concello de Nigrán dá deste xeito un paso máis na aplicación de terapias innovadoras vinculadas á saúde física e emocional no marco de “Un Nigrán para todos”. A esta primeira xornada de avaliación e coñecemento dos usuarios para posteriormente definir o tipo de sesións asistiu o alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado da edil da Terceira Idade, María Mayán.
“Estamos encantados de poder ofrecer experiencias terapéuticas innovadoras e con beneficios científicos contrastados, como o fixemos coa terapia canina no CEE Juan María ou como os paseos terapéuticos en bicicleta para persoas con diversidade cognitiva, polo que estamos igualmente moi agradecidos aos profesionais que nos ofrecen estas posibilidades”, explica o rexedor.
“No colo de Baubo. Sueno, Sano, Soy” é un proxecto especialmente pensado para persoas con enfermidades neurodexenerativas e que se aplicará no centro xestionado por Afaga en Panxón para que, a través da musicoterapia, experimenten beneficios fisiolóxicos, psicolóxicos, emocionais e cognitivos. No caso de “Salud en la Educación. Pulso y Matriz. Sonando desde la raíz”, pensado para o CEE de Panxón (que acolle a alumnado con trastornos graves de conduta) trátase de axudarlles a que exploren a súa propia identidade e activen capacidades para coñecerse mellor a eles mesmos. “Na adolescencia necesitamos descubrirnos e re-interpretarnos continuamente como acontecementos improvisados nun mundo en interacción con outros seres humanos”, explica López-Merino.
De acordo coa Federación Mundial de Musicoterapia (2008): “A musicoterapia consiste no uso da música e/ou dos seus elementos (son, ritmo, melodía, harmonía), por un musicoterapeuta cualificado, cun cliente ou grupo, nun proceso destinado a facilitar e promover a comunicación, ou aprendizaxe, a mobilización…