Sin categoría

Nigrán lembra ao axente Víctor Lomba no aniversario do seu falecemento

Cálida homenaxe no primeiro aniversario do falecemento de Víctor Lomba en Nigrán, axente da Policía Local do municipio. O persoal de axentes xunto a Protección Civil, membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, o alcalde Juan González e compañeiros de equipo, familiares, achegados así como representantes do grupo da oposición reuníronse pouco antes das 17:30 horas de onte na Praza do Concello para lembrar a un compañeiro que en palabras do seu irmán, Jose Manuel Lomba, era “un amigo dos seus amigos e unha gran persoa”. O acto contou cun número considerable de persoas que non dubidaron en achegarse ao momento de reunión para presenciar a emotiva cerimonia, que contou coa intervención de Lomba e un dos seus compañeiros de servizo.

Tras as quendas de palabra procederon a gardar un minuto de silencio no seu recordo. Posteriormente o oficial Teodoro de la Peña, xunto a dous membros da Asociación Breogán Valle Miñor, interpretaron unha peza musical con gaita galega mentres o resto de axentes foron baixando en fila ata as inmediacións da entrada da Xefatura para destapar un monólito no que loce unha placa conmemorativa co seu nome, á vez que colocaron unha coroa de loureiro na base do monumento. Unha velada cargada de sobriedade e respecto na que non faltaron emocións e que finalizou cun forte aplauso de todos os asistentes.

Víctor Fernando Lomba faleceu o 8 de abril de 2020 aos 53 anos de idade na súa vivenda tras sufrir un infarto repentino. O suceso causou gran consternación entre os seus familiares e compañeiros, que recibiron a noticia á primeira hora do día seguinte ao comprobar que non acudira a traballar. Contaba cunha ampla experiencia como axente e levaba 22 anos prestando servizo en Nigrán. No perfil oficial da rede social Facebook, a Policía Local publicou unhas breves palabras na súa memoria xusto no día que se cumpriu o ano da súa desaparición. “O aniversario do teu falecemento tráenos a dor daquel instante, pero lembramos cun sorriso o teu compañeirismo, a túa alegría, a túa amizade e o saber que sempre estarás no noso corazón irmán”.