Primavera Videoliteraria do Val de Miñor

A sección de Lingua e Literatura e PUGA (Promoción do Uso do Galego) do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), en colaboración cos concellos de Gondomar, Baiona e Nigrán, convocan a Primavera Literaria do Val de Miñor de Videopoemas e Videomicrorrelatos para contribuír a potenciar a creatividade en lingua galega da mocidade do Val de Miñor e de toda Galicia. Haberá seis categorías, cinco para rapaces e rapazas da comarca, e unha para persoas adultas con creación en lingua galega, sen limitación xeográfica. Preto dos 4000 euros en premios, seis dos sete en vales para consumir no comercio local.

As persoas que queiran participar no certame soamente terán que gravar un vídeo de máximo un minuto onde se lea un poema ou un microrrelato en lingua galega. Os textos dos poemas e microrrelatos deben ser orixinais e a súa autora ou autor debe ser membro do equipo que produza o vídeo. Ademais será posible participar con máis dunha creación, e todas as obras finalistas serán publicadas nas redes sociais do IEM .

As persoas detrás da idea e organización deste certame están integradas na sección de Lingua e Literatura e PUGA (Promoción do Uso do Galego) do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM). Levan traballando varios meses para darlle un “pulo á creación artística en galego na comarca con este concurso”. Con el, o Val de Miñor ten “dúas grandes citas literarias ao ano”, o histórico premio de poesía Victoriano Taibo de outono que organizan co Concello de Gondomar, e a primavera videoliteraria, explican “moi satisfeitos e agradecidos”, coa boa acollida do certame polos concellos citados.

Na organización confían que o certame teña unha “grande acollida”, e se poida celebrar cunha gala final no mes de maio ou xuño, se as condicións sanitarias o permiten. “Sería o día perfecto para gozar da festa das Letras e do comercio local que queremos que sexa este concurso”, explican. Dende a organización tamén queren agradecer á ilustradora Sandra Rodríguez a súa colaboración co deseño do debuxo de portada do certame.

BASES DA PRIMAVERA VIDEOLITERARIA DO VAL DE MIÑOR