Premio á Excelencia para a Oficina de Correos de Baiona

A Oficina de Correos de Baiona obtivo o Premio á Excelencia, o que supón converterse na mellor Oficina de Correos na súa categoría de todo o noroeste peninsular. Este centro de traballo, situado na rúa Cidade de Vigo, número 13, competía con outras 135 oficinas postais que prestan servizo aos cidadáns de diferentes localidades de Galicia, Asturias e Castela e León.

Nas instalacións da oficina traballan a diario 4 empregados, aos que Correos desexa felicitar polo seu empeño en prestar un servizo de calidade para todos os cidadáns. Este premio serve para identificar as unidades excelentes e recoñecer ao seu persoal, que día a día, traballa en equipo para ofrecer aos clientes a mellor calidade de servizo.

O director da Oficina, Carlos Meijome, destaca que o premio recoñece o traballo ben feito nun ano especialmente difícil. “Cando te enfrontas a situacións tan difíciles como as que vivimos en 2020 é cando o verdadeiro valor da palabra equipo sae a relucir. Todos demos a cara cada día porque sabiamos que, simplemente, tiñamos que estar aí para a xente”.

Ademais dos compañeiros da oficina – Tamara, Cesáreo, Jon, Manolo – o director agradece a colaboración dos carteiros e carteiras da unidade de Val Miñor. “Conseguimos achegar aos nosos clientes á súa familia e amigos cos nosos envíos, axudar ás empresas para levar os seus produtos coa nosa paquetería, dar o mellor servizo público en diferentes procesos electorais e mellorar a vida da xente. Sen dúbida o mellor premio é a confianza e o agarimo dos nosos clientes e compañeiros”.

O Premio á Excelencia, que contempla distintas categorías en función dos tipos de centros de traballo, galardoa ás unidades operativas de Correos que empregan eficientemente os seus recursos e destacan pola corrección dos seus procesos e os seus bos resultados, contribuíndo con iso a alcanzar os obxectivos da empresa.