Especialistas en Alergoloxía prevén unha primavera cunha sintomatoloxía máis leve grazas ás máscaras

O uso das máscaras favorecerá unha menor aparición de síntomas relacionadas coa alerxia no exterior “porque filtran unha gran cantidade de partículas suspendidas no aire, incluídas as do pole”. A xefa do servizo de Alergoloxía de Ribera Povisa, Carmen Mogío, subliña ademais que, no caso das persoas afectadas por alérxenos ambientais, “as FFP2 son máis eficaces porque filtran maior número de partículas e ademais axústanse máis facilmente á cara”.

Tras unha primavera de 2020 na que os casos de polinosis reducíronse considerablemente porque o confinamento pola pandemia de COVID coincidiu en gran medida coa estación primaveral, este ano tamén se prevé unha redución polo uso xeneralizado da máscara.

As choivas, as temperaturas frías e as nevadas durante o inverno favorecen unha primavera cuns niveis de poles máis altos, do mesmo xeito que os días asollados e ventosos durante a época estival favorecen a liberación e o transporte destes.

En Galicia, a alerxia máis frecuente é a producida polas gramíneas (tamén chamadas poáceas) de crecemento espontáneo. Son un grupo de plantas herbáceas cunha distribución cosmopolina, desde o nivel do mar ata as zonas montañosas, que florecen desde marzo tardío ata setembro, sendo os meses de maior intensidade na nosa zona os de xuño e xullo. “Crecen en case todas partes pero predominan máis en zonas do interior, onde a presenza de pole é maior porque o aire do mar limpa a atmosfera”, precisa.

Con todo, lembra a especialista, a redución de casos tan só afecta as sintomatoloxías relacionadas cos poles. “No caso das alerxias aos ácaros do po doméstico, que son os de maior relevancia na nosa zona, non notamos grandes cambios xa que se trata de alérxenos de interior, que se atopan nos nosos domicilios, onde non adoitamos levar a máscara”, indica a Dra. Mogío.