O PP de Baiona pide ao alcalde que inclúa ao sector servizos nos 100.000 euros de axudas directas

O grupo municipal popular de Baiona demanda ao alcalde, Carlos Gómez, que considere aos establecementos incluídos no sector servizos (salóns de peiteado, estética, taxis….) como afectados directos polas restricións do Covid-19 e inclúaos tamén como beneficiarios dos 100.000 euros, xunto coa hostalería e o comercio. Así llo pediron os concelleiros ao tripartito no pleno ordinario celebrado esta semana ao considerar que é de xustiza que estas familias tamén poidan optar a recibir esta pequena inxección económica.

O PP apoia a concesión destas axudas directas, votando a favor delas no pleno, aínda que as considera insuficientes e tardías. Outros concellos veciños, como é o caso de Nigrán, destinarán o dobre que Baiona a apoiar aos sectores máis afectados pola pandemia e xa se atopan na segunda fase de tramitación. Con todo, Baiona atópase “á cola do Val Miñor” e só dedicará 100.000 euros dun remanente de tesourería de máis de dous millóns que deixou o anterior goberno popular. Ademais, as bases para a súa solicitude aínda se levaron a este pleno de abril, o que atrasa aínda máis a súa cobranza, tras máis dun ano sen que o tripartito tomase ningunha medida de alivio económico aos negocios e establecementos locais.

“Non só non puxo en marcha un plan de reactivación económica ao longo deste tempo, a pesar de que o grupo municipal popular presentoulle unha extensa batería de propostas, senón que tampouco lle reintegrou o diñeiro aos hostaleiros que xa abonaran antes a taxa anual pola súa terraza nin tampouco lles devolveu a parte proporcional do recibo do lixo de 2020 polos tres meses que permaneceron pechados”, critican os populares.

É por todo isto que ao PP baionés parécelle “de xustiza” que o Concello non só restrinxa as axudas ao comercio e á hostalería e as abra a outras empresas do sector servizos que tamén sufriron directamente as restricións do Covid-19.