O Juan María reabre a súa “caseta” da Ramallosa coa nova colección “surfeando estrelas”

O Centro Especial de Emprego Juan María de Nigrán reabriu este xoves a súa “caseta” da Ramallosa. Un total de 10 persoas con discapacidade están a prepararse no centro de formación da asociación en actividades auxiliares de comercio, á vez que contan cun contrato de traballo na tenda de roupa Juan María by Lolola, a división laboral do centro especial de emprego que está centrado na industria da moda inclusiva.

O Centro Juan María Emprego reabre esta caseta para presentar a nova colección de roupa “surfeando estrelas”, baixo o abrigo da deseñadora viguesa Lola Rande. Será o segundo punto de venda da súa colección fóra do propio centro, despois do emprazado no Centro Comercial da Praza Elíptica de Vigo, e terá un horario de apertura de 18:00 a 21:00 horas os venres, sábados e domingos. Proximamente contarán con máis puntos de venda noutras zonas do municipio.

O obxectivo deste proxecto, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e o Ministerio de Traballo e Seguridade Social, é que os 10 traballadores con discapacidade intelectual estean perfectamente cualificados como auxiliares de comercio para acceder ao mercado ordinario de traballo. Coa filosofía de “aprender facendo” buscan que vaian tendo máis responsabilidades e autonomía con distintas experiencias.

Ao evento asistiu o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, e os alcaldes de Nigrán e Gondomar, Juan González e Paco Ferreira. Fernández Tapias destacou a necesidade de continuar traballando de maneira coordinada para impulsar a integración laboral das persoas con discapacidade.

Fernando González Abeijón destacou o traballo que realiza a diario o centro Juan María Emprego para que os seus usuarios adquiran máis autonomía e melloren a súa calidade de vida. Neste sentido, destacou o programa de formación dual subvencionado pola Xunta de Galicia e que permite a adquisición de habilidades necesarias para a integración no mercado laboral.

En concreto, esta formación dual trata de realizar proxectos baseados nun réxime de alternancia entre o emprego e a cualificación. Ao seu final, os destinatarios saen capacitados para mellorar a súa inserción profesional e obteñen certificados de profesionalidade.

A “Caseta” está situada no Paseo Torrente Ballester, 4 de Ramallosa – Nigrán (ao lado da parada de taxis).