O PP de Nigrán denuncia “grave falta de transparencia” do Alcalde

O PP de Nigrán denuncia que o goberno local do PSOE quere evitar que se investiguen, por unha banda, o funcionamento dos servizos sociais do Concello, e por outro, as irregularidades dalgunhas obras realizadas. No caso do funcionamento dos servizos sociais, a solicitude de investigación vén dada pola presentación e admisión a trámite da denuncia de varios usuarios de asuntos sociais á Valedora do Pobo de Galicia. “O Sr. Alcalde limitouse a burlarse e menosprezar aos usuarios e as persoas que se queixaron ou manifestaron, demostrando un talante máis propio dun ditador que non admite as críticas, que dun demócrata, que debe escoitar a todas as partes e tratar de solucionar o conflito desde o minuto uno, e non ignorar o problema indicando que “todo está ben”. Se estivese “ben” é moi improbable que a Valedora do Pobo admitise a trámite a denuncia, co agravante que os usuarios son persoas vulnerables”.

Doutra banda, tamén negou a comisión de investigación respecto a as obras de saneamento de Lagoiña, Xestal, Pombal e Labregos, e a obra inacabada das Pistas de Atletismo en Porto do Molle, nas que, segundo indican os populares, a xuízo dos técnicos municipais e intervención houbo numerosas irregularidades. “Segundo o Sr. Alcalde “todo está ben” (como sempre), pero a realidade é outra, estes proxectos están infestados de irregularidades, que deberían ter polo menos unha explicación razoada e adecuadamente xustificada”.

“O Sr. Alcalde, tamén nos reprochou que non votásemos a favor das modificacións de crédito presentadas, ao que lle respondemos que lles aconsellabamos que non o votasen a favor nin eles mesmos, xa que nas modificacións mesturábanse os pagos de facturas pendentes, practicamente todas elas “a dedo”, con investimentos e outros gastos non xustificados, o que podería supoñerlles consecuencias legais. Nós non estamos para apoiar as “chapuzas” do Sr. Alcalde, estamos para fiscalizar a súa desastrosa xestión”, afirman desde o PP.

Dentro da “desastrosa xestión”, os populares volven destacar “o claro trato de favor á empresa que constrúe a Nova Biblioteca, aprobándolle unha prórroga cos informes en contra de Contratación e Intervención, ampliándolle o prazo ata maio para terminar, veremos se se cumpre, cando esta obra tería que estar finalizada en 2019”, conclúen.