Unha investigación do Cunqueiro sobre a esquizofrenia avanza no coñecemento da enfermidade

O Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), situado no Hospital Álvaro Cunqueiro e dirixido polo Dr. José Manuel Olivares, traballa na procura de moléculas en sangue que poidan axudar aos psiquiatras nos seus diagnósticos e a decidir o mellor tratamento para cada paciente. Un dos campos que están a estudar é a Esquizofrenia, cuxos síntomas máis comúns son alucinacións, delirios, desorganización do pensamento, linguaxe e/ou comportamentos estraños, e que en moitos casos carrexa importantes dificultades para que as persoas se realicen a nivel persoal, familiar e social.

A orixe da esquizofrenia asóciase a factores diversos, uns intrínsecos (como a herdanza xenética, por exemplo) e outros extrínsecos (como o estrés, abuso de substancias, infeccións virais ou complicacións obstétricas). Os primeiros síntomas da enfermidade adoitan manifestarse na maioría dos casos na adolescencia ou ao comezo da vida adulta, sendo máis prematuro en individuos do sexo masculino.

Aínda que a esquizofrenia é un trastorno en moitas ocasións incapacitante, o diagnóstico e o tratamento precoz permite reducir o impacto do trastorno e proporcionar unha vida funcional ao paciente e unha correcta calidade de vida. Así mesmo, administrar un tratamento adecuado para frear ou retardar a progresión da esquizofrenia é un paso crucial para diminuír o deterioro cognitivo, funcional e social que sofre o paciente co paso do tempo.

Tese doutoral dos biomarcadores no sangue

Froito destes traballos do grupo de Investigación é a Tese Doutoral titulada “Esquizofrenia: a procura de potenciais biomarcadores periféricos”, defendida na Universidade de Vigo o pasado mes de xaneiro por Daniela Rodrigues-Amorim, que obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude, e foi dirixida polos doutores José Manuel Olivares e Carlos Spuch.

Segundo explica a autora da investigación, Daniela Rodrigues-Amorim,”o obxectivo era buscar moléculas en mostras de sangue que axudasen no diagnóstico, prognóstico e recoñecemento dun patrón neurodexenerativo da esquizofrenia. Trátase de conseguir desenvolver un panel de biomarcadores en sangue que axuden aos psiquiatras no seu traballo diario para diagnosticar, tratar e entender a evolución desta enfermidade, cunha aplicabilidade inmediata na práctica clínica e unha repercusión directa no paciente”.

Na primeira publicación dos achados deste traballo se describía tres moléculas que poderían medirse en sangue como potenciais biomarcadores de diagnóstico e prognóstico na esquizofrenia.

Posteriormente, identificáronse outras tres moléculas asociadas á neurodexeneración nesta enfermidade, nun grupo particular de pacientes que presentaban unha evolución máis grave do trastorno, asociada á falta de resposta ao tratamento habitual. Este segundo achado, tamén publicado nunha prestixiosa revista da especialidade, supón un avance na comprensión da esquizofrenia e a identificación de tres potenciais biomarcadores de neurodexeneración e progresión do trastorno.

Posible orixe molecular da esquizofrenia

Por último, o grupo identificou outras catro moléculas asociadas ao dano neuronal, permitindo xerar unha nova teoría sobre a orixe da esquizofrenia, segundo a cal, compoñentes que están entre as células (denominado matriz extracelular) poderían provocar as alteracións no funcionamento das mesmas. Este último achado foi xa aceptado para a súa publicación na revista Cellular and Molecular Neurobiology (2021),

O director deste Grupo de Investigación, doutor Olivares, conclúe que “como sucede cos traballos de investigación que buscan respostas a problemas científicos, esta tese ábrenos a porta a outras incógnitas aínda máis excitantes, xa que supón o primeiro paso para poder desenvolver sistemas de detección con axuda da nanotecnoloxía e os biosensores, e por qué non, abrir a porta a unha nova hipótese sobre a posible orixe molecular da esquizofrenia”.