Nigrán aproba investimentos en obras por valor de 2,2 millóns e 400.000 € para paliar os efectos da Covid

O goberno de Nigrán aprobou no pleno ordinario de hoxe consignar 3,4 millóns de euros do Remanente de Tesourería 2020 a cubrir diferentes obxectivos, destinando 2.250.000 € a diversas obras, como o futuro parque forestal Os Matos-Río Táboas (415.000 €) a cociña escolar municipal do CEIP Humberto Juanes (378.600 €), a humanización da rúa Gaivota de Panxón (232.653 €), a rehabilitación do muíño de Porto do Molle (259.150 €), o mobiliario da nova Biblioteca (224.000 €), o abastecemento na Tarela e O Carballal (205.000 €) ou o saneamento da rúa Raña (115.000 €). “Incorporaremos as rúas Otero Pedrayo, Manuel Lemos e Camiño Vello en canto teñamos todos os informes sectoriais favorables, estas son obras con todas as autorizacións sectoriais”, avanzou o alcalde, Juan González.

“Por fin as administracións locais podemos empregar os Remanentes; en Nigrán ter un balance tan positivo nos permite ampliar as axudas aos veciños e incluso compensar a carencia de apoio doutras administracións”, explicou o rexedor, quen criticou duramente que o PP non apoiara co seu voto a favor ningún dos investimentos, algúns deles de suma relevancia como o parque forestal de Camos-Chandebrito, a renovación do Torreiro de Parada ou a cociña escolar do Humberto Juanes. “Viven noutra realidade que non é a de Nigrán, nin sequera apoian investir estes cartos a sabendas de que é positivo para o municipio e de que eles mesmos reclaman ante os veciños a necesidade de que emprendamos estas obras”, recriminou.

Así mesmo, o goberno local consignou tamén 493.500 € do Remanente para gastos diversos dirixidos a paliar os efectos do Covid-19 no municipio. Destes, 100.000 € están dirixidos a probas diagnósticas do persoal, EPIS, etc; 100.000 € para gastos de persoal tras obrigar a Xunta a que a Policía Local asuma tarefas de inspección diarias; 73.500 € á desinfección dos centros escolares ante a negativa tamén da Xunta a asumir esa responsabilidade; 120.000 € ao primeiro plan de rescate municipal á hostalaría e outros 100.000 € para un segundo plan cuxas bases serán moi similares pero coa salvedade de que a axuda aos taxistas ascenderá dos 70 € aos 400 €. “Estamos a rematar as bases para este segundo plan no que outorgaremos novamente 1.000 € a cada hostaleiro, 750 € aos traballadores do sector sen dereito a prestación e 400 € aos taxistas”, explica González, quen recalca que, a maiores, a Deputación achegará 60.000 € que o Concello distribuirá nunha terceira liña de axudas entre outros sectores tamén duramente afectados pola crise do Covid-19. En total, o Concello sumará 280.000 € só en axudas directas municipais a empresas e traballadores dos sectores máis prexudicados.

Finalmente, o goberno local aprobou tamén o pago de 130.000 € en facturas con cargo ao Remanente. “Son traballos correctamente realizados e a maioría deles no 2020, polo que é preciso traelo a pleno para que as empresas poidan cobrar canto antes, máxime na situación actual”, explicou.