O vento rouba o protagonismo aos Optimist no Campionato de España

A terceira xornada do Campionato de España de Optimist – Trofeo Cenor, na que debían disputarse tres novas probas da competición de vela lixeira, acabou anulada este venres en Baiona por falta de vento.

Os 150 regatistas que participan na competición nin sequera chegaron a saír á auga. Permaneceron en terra durante horas pendentes por se entraba algo de brisa e podían saír a navegar, pero as condicións nunca chegaron a ser as idóneas.

Si saíron ao mar membros do comité de regata e os balizadores, para estudar, desde primeiras horas da mañá, tanto o interior como a canle de entrada á baía de Baiona, pero o vento non logrou alcanzar en ningunha desas zonas a intensidade necesaria. Nalgún momento rexistráronse ata 7 nós, que foi o máximo do día, pero non se mantiveron nin establecidos de dirección nin se prolongaron no tempo.

Finalmente, tras comprobar que sería imposible disputar ningunha manga, a organización decidiu anular a etapa e convocar aos participantes á xornada final deste sábado, a última do campionato, con hora inicio prevista para as once da mañá.

Tras as protestas rexistradas tras as primeiras probas producíronse algúns cambios na clasificación inicial, pero os protagonistas da clasificación seguen sendo, con contundencia, os regatistas da federación balear, seguidos das territoriais valenciana, canaria e andaluza.

En SUB 16 masculino vai na cabeza Tim Lubat (RCN Palma), seguido de Xavier García (RCN Palma) e Miguel Padrón (RCN Gran Canaria). Na SUB 16 feminina manda Marisa Alexandra Vicens (CN s’Arenal), e Susana Bestard (RCN Palma) e Nicola Jane Sadler (CN s’Arenal) van segunda e terceira.

En SUB 13, os mellores clasificados no apartado masculino son Ignacio Martín (RCN Palma), Rodrigo Luis González Pérez (CND Punta Sombría) e Nikko Palou (RCN Palma). Blanca Ferrando (RCN Valencia), Gabriela Morell (RCN Palma) e Laia Matos (CMSAP) ostentan o ouro, a prata e o bronce provisionais en SUB 13 feminino.

Mañá sábado, ademais das últimas probas -se o vento permíteo-, celebrarase a entrega de premios aos novos campións de España de Optimist, ás seis da tarde nas instalacións do Monte Real Club de Yates, club organizador.

Na clausura participarán o presidente do Monte Real, José Luis Álvarez; a directora de márketing de Cenor, Leticia Fernández; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández; a deputada de turismo da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; e o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.