Baleares manda no nacional de Optimist

O Campionato de España de Optimist – Trofeo Cenor xa puxo nome aos seus primeiros líderes. Marisa Alexandra Vicens e Ignacio Martín, ambos da federación territorial balear colocáronse este xoves no máis alto da clasificación do nacional de vela infantil que se celebra na localidade galega de Baiona baixo a organización do Monte Real Club de Yates.

Con dous primeiros postos e un segundo, e tras descartar o seu peor resultado (un 26), Marisa Alexandra Vicens, do Club Nautic s’Arenal, foi a mellor deportista da regata. Colócase no máis alto da clasificación xeral e encabeza tamén o grupo das SUB 16 femininas. Nesta categoría séguenlle, en segunda e terceira posición, as tamén mallorquinas Susana Bestard (RCN Palma) e Nicola Jane Sadler (CN s’Arenal).

Entre os mozos SUB 16, o mellor da xornada foi Tim Lubat (RCN Palma). Superou ao seu compañeiro de club Xabier García, que vai segundo; e ao canario Miguel Padrón (RCN Gran Canaria) que pecha o podio provisional da categoría.

Na competición dos SUB 13, lideran a clasificación, nas categorías masculina e feminina, Ignacio Martín (RCN Palma) e Blanca Ferrando (RCN Valencia). Quedaron ás portas do primeiro posto o andaluz Rodrigo Luis González Pérez (CDN Punta Sombría) e o balear Nikko Palou (RCN Palma), segundo e terceiro respectivamente entre os mozos; e a cántabra Candela Escobedo (RCM Santander) e Gabriela Morell (RCN Palma) ostentan a prata e o bronce provisionais das mozas.

Esta segunda xornada do Campionato de España de Optimist – Trofeo Cenor foi a primeira puntuable da competición tras a xornada en branco vivida este mércores por falta de vento. No programa da etapa estaban previstas tres probas, pero o comité de regata, vendo as boas condicións meteorolóxicas e os partes pouco optimistas para os días que quedan de competición, decidiu facer unha cuarta.

Celebráronse todas con moi bo vento, sempre por encima dos dez nós, cunha media de trece e refachos de ata dezaseis. As saídas foron limpas, sen apenas foses de liña, e só houbo que realizar unha chamada xeral aos regatistas do grupo azul. Os aspirantes a campións de España navegaron nun campo con forma de trapecio, que deixaron polo exterior completando unha volta, pasando por unha porta e engadindo un segundo tramo de cinguida ata o final.

A zona de regatas colocouse en Carallones, na entrada á baía de Baiona, un dos lugares máis espectaculares das Rías Baixas polas vistas que ofrece ás Illas Estelas, as Illas Cíes do Parque Nacional das Illas Atlánticas, o Parador Nacional de Baiona e a Virxe da Rocha, un dos monumentos máis visitados da vila mariñeira galega.

Todo un luxo para os 150 regatistas de 10 comunidades autónomas que participan neste Campionato de España de Optimist que o Monte Real Club de Yates organiza por delegación da Real Federación Española de Vela e co patrocinio do Grupo Cenor.

O nacional de vela lixeira continúa mañá venres, festivo de Semana Santa, coa terceira das catro xornadas programadas, que será a segunda puntuable. A hora fixada para o inicio das probas son as once da mañá pero as previsións de vento non son moi esperanzadoras e non se descarta que se produzan atrasos.