O Vigo-Rías Baixas asalta o liderado da clasificación Elite española

O primeiro mes de competición da tempada 2021 termina para o Vigo-Rías Baixas cunha excelente noticia. A estrutura presidida por José Luis Chamorro colocouse á fronte da clasificación Elite da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) tras a súa última actualización. Unha privilexiada situación que premia a nivel colectivo o traballo realizado polos corredores da formación flúor no arranque do calendario.

Desde o pasado 28 de febreiro, cando se levantou o pano desta campaña coa disputa do Memorial Juan Manuel Santiesteban en Colindres (Cantabria), o Vigo-Rías Baixas sumou 221 puntos. O segundo posto da táboa Elite ocúpao o Netllar-Alé con 217 e en terceira posición aparece o Caja Rural-Seguros RGA con 212. Un total de 31 conxuntos xa sumaron algún punto nas seis probas celebradas.

A nivel individual, o mellor clasificado entre os pupilos de Marcos Serrano é Benjamí Prades. Ao tarraconense, fichaxe estrela do Rías procedente do Team Ukyo xaponés, correspóndelle a terceira posición con 115 puntos, a 80 do líder Alberto Serrano (Caja Rural). Ademais, grazas ao seu segundo posto na Klassika Olot e ao sexto no Trofeu Joan Escolá, o xefe de filas do equipo olívico encabeza a xeral Elite do circuíto Grans Clàssiques que organiza a federación catalá.

O outro corredor que esta tempada recalou no Vigo-Rías Baixas procedente do campo profesional tamén iniciou o 2021 exhibindo a súa calidade. O cántabro Miguel Ángel Fernández foi o terceiro mellor Elite na Aiztondo Klasikoa e os 100 puntos sumados na apertura da Copa de España outórganlle a sexta praza na clasificación RFEC. A marcadora flúor a completa Ander del Castaño con seis puntos e situado na 54ª posición da táboa individual.

O calendario amateur, composto por 62 carreiras, non fixo máis que empezar. A seguinte cita para os ciclistas que dirixe Serrano chegará o 11 de abril co prestixioso Memorial Valenciaga en Eibar, a gran clásica guipuscoana que este ano festexa as súas vodas de ouro.