O pianista Alberto Vilas presenta o seu disco “Naialma” en Nigrán

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 19 de marzo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o concerto do recoñecido pianista redondelán Alberto Vilas presentando o seu primeiro disco en solitario “Naialma”. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Trátase do seu traballo máis íntimo e persoal, con temas de corte jazzístico que foi atesourando ao longo do tempo, e que saen de dentro, coma do ventre dunha nai. De aí o título, xogo de palabras que remite ás denominacións galegas de “nai” e “alma” e ao mesmo tempo “na ialma”, dende o interior. Ademais, este proxecto foi gravado por el mesmo, no seu propio estudo, co seu Yamaha-C7, na súa casa e sen cortes, cada peza dunha soa vez. As críticas recibidas o sitúan como un dos mellores discos de jazz editados na península no 2020 con cualificativos como “sublime”, “exquisito”, “sobrecolledor”…

Alberto Vilas (Redondela, 1970) é un músico de formación clásica. Nas súas orixes estudou piano con Chan-Rok Moon e composición con Carlos Cambeiro Alís e perfeccionou a técnica en numerosos cursos a cargo de reputadísimos mestres. Fascinado polo jazz desde os 15 anos, vai mesturando tramas e texturas, cor e harmonía. Desde 1988 ata 2020 formou parte do cuarteto instrumental de tango Tangata. Ademais, coa súa propia formación publica “Experianza” (2011), “Crónica Cromática” (2014) e “Ubuntu” (2016). Ademais, exerce como profesor de piano e pianista do departamento de Canto, Violoncelo, Violín, Contrabaixo, Banda e Orquestra no Conservatorio Profesional de Música “Manuel Quiroga” de Pontevedra.

Para máis información sobre Alberto Vilas e o seu disco “Naialma” pódese consultar a web municipal http://www.nigran.es, onde está pendurado o dossier.