A Xunta considera que a nova rotonda de Elduayen empeoraría a seguridade viaria

O Concello de Gondomar remitiu o pasado mes de febreiro á Axencia Galega de Infraestruturas unha proposta para a execución dunha glorieta que substitúa á existente no cruce entre a Av. Elduayen e D. Diego Sarmiento. Tras ser analizada desde o punto de vista técnico, e en especial no que se refire á seguridade viaria, desde a Xunta conclúen que a proposta empeoraría a seguridade viaria.

A Consellería de Infraestruturas considera que a proposta afasta a glorieta do eixo da PO-340, de xeito que a rotonda se atoparía fóra da traza da PO- 340, en terreos de titularidade municipal, e penaliza de xeito importante os movementos ao longo da PO-340, ao xerar movementos de entrada á glorieta desde a PO-340 con cambios bruscos de traxectoria e radios de xiro moi reducidos, que empeoran a seguridade viaria nos ramais pertencentes á RAEGA respecto da glorieta actual.

No ramal Tui – A Ramallosa, a entrada á glorieta ten un radio de xiro reducidísimo (aprox. 5,8 m), por mor da edificación existente na marxe dereita, o que podería xerar posibles incidentes por alcance dado que a glorieta poderá percibirse con moi pouca antelación. A Instrución para o deseño de glorietas en tramitación recomenda que o radio mínimo da curvatura da traxectoria de entrada dende o ramal á glorieta non sexa inferior a 20 metros (mínimo absoluto de 10 metros).

No ramal A Ramallosa – Tui, para evitar a superposición deste ramal co ramal Tui-A Ramallosa formúlase unha quebra na traza moi marcada na aproximación á glorieta, con curva e contracurva consecutivas cun desenvolvemento moi curto, e despraza o eixo da PO-340 cara a esquerda do centro da glorieta, provocando un ángulo de entrada moi grande (95º), que dificulta a incorporación á glorieta. A nova Instrución sobre deseño de glorietas en tramitación (en liña coas recomendacións do antigo MOPU) recomenda un ángulo de entrada (θ) comprendido entre 20º e 60º, cun óptimo duns 25º.

Así mesmo, os illotes deflectores deseñados nas entradas á glorieta desde a PO-340 teñen un tamaño moi reducido, inferior aos actuais, o que dificulta a percepción da glorieta; en especial, no ramal Ramallosa-Tui da PO-340, no que o illote, que actualmente ten aproximadamente 40 m de lonxitude, mide 7,2 m no deseño proposto. A normativa autonómica vixente (OC 3/2007) recomenda unha lonxitude aproximada dos illotes de 25 m, e a nova Instrución en tramitación se establece unha lonxitude mínima de 15 m en pintura.

“É dicir, que dende o punto de vista técnico esta proposta non é axeitada, xa que o resultado sería contrario ao que se pretende. Cómpre engadir que a sinistralidade rexistrada na PO-340 non é significativa nese punto. De acordo cos datos dos partes de accidentes da DGT, nos últimos 5 anos tan só se contabilizou un accidente con vítimas, en setembro de 2018 e sen feridos graves. Polo tanto, a proposta que se formule deberá formularse de modo que non se empeore a seguridade viaria”, conclúen desde a AXI. Finalmente, convidan ao Concello de Gondomar a reformular a proposta.