O Grupo de Traballo Orca Atlántica recomenda calma e seguir o protocolo de seguridade en caso de interacción

O Grupo de Traballo Orca Atlántica-GTOA segue supervisando as embarcacións que foron interaccionadas polas orcas, con resultado dalgúns barcos con partes móbiles rotas, para tentar esclarecer as causas deste tipo de interaccións.

Desde o ano pasado fóronse rexistrando interaccións entre orcas e barcos, maioritariamente veleiros, nas que nalgúns dos casos resultou como consecuencia a rotura dalgunha parte móbil do barco, normalmente o temón. Despois das primeiras interaccións o GTOA encargouse de recompilar informacións detalladas destas interaccións. Inspeccionando os barcos, buscando os sinais que puideron deixar as orcas, avaliando os posibles danos, mediante inmersións autorizadas nos portos ou indo aos varadoiros, e recollendo os testemuños e información gráfica que os tripulantes realizaron en vídeo e fotografía no momento da interacción. Estas interaccións comezaron no Estreito de Xibraltar en xullo, despois estes grupos de orcas fóronse desprazando primeiro cara ao sur de Portugal, seguindo toda a costa Portuguesa ata chegar a Galicia onde se concentraron as interaccións no mes de Setembro, máis tarde as interaccións volveron rexistrarse en Portugal en outubro pero menos concentradas e menos consecutivas no tempo, ata que se rexistraron as últimas interaccións en novembro na zona de Sines.

Non houbo máis interaccións ata finais de Xaneiro, que se rexistrou fronte á costa Atlántica de Marrocos a medio camiño entre o Estreito de Xibraltar e Canarias. Desde entón a maioría das interaccións rexistráronse no Estreito de Xibraltar, onde ao mesmo tempo atopouse un animal morto flotando en augas de Ceuta, a comezos deste mes, que por falta de loxística e medios, non se puido recuperar, co que non se puido facer necropsia, e non se puido comprobar ou rexeitar a súa relación coas interaccións. O GTOA pon de manifesto a necesidade de dar apoio ás institucións locais, para garantir a recollida e exame dun corpo se volve ocorrer.

As orcas ibéricas son animais protexidos, declarados como “vulnerables” en España (R.D. 139/2011), e como “en perigo crítico de extinción” como subpoboación pola UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza), teñen un plan de conservación declarado polo goberno español no 2017, os varamentos desta especie son moi raros nas nosas costas, e tan un só varamento é moi valioso pois nos pode dar moita información que nos axudaría á súa conservación, e máis aínda se a causa da morte poida estar relacionada con estas interaccións.

Despois de que o GTOA analizase todos os testemuños dos tripulantes das embarcacións así como os vídeos e fotos proporcionadas, desenvolveuse un protocolo de actuación para os navegantes no caso de que se dea unha interacción, a experiencia indica que nesas condicións as orcas tenden perder interese polas embarcacións. A continuación detallamos:

• Se é posible nas condicións de mar e localización. Baixe velocidade, pare o motor e deixe o temón a vía. En caso de veleiro, arríe a vela.
• Contacte coa 112/canle 16 radio ou o oficial da zona (Tarifa 10; Tánxer 69; Fisterra 16).
• Saque as mans da roda do temón e non a toque, apártese de calquera parte do barco que poida caer ou virar bruscamente.
• Se é posible, apagar a sonda e manter ACESOS VHF e elementos de posición.
• Non grite aos animais, non lles toque con nada nin lle tire cousas, non se deixe ver en exceso pola borda.
• Se ten teléfono con cámara, ou outro dispositivo, grave aos animais sobre todo as súas aletas dorsais, para poder identificalas.
• Cando despois dun tempo non note presión no temón e os animais afastáronse, comprobe que vira e funciona.
• Se aprecia avaría que impida navegación solicite remolque.
• Permita que se traslade o seu contacto a especialistas en cetáceos para avaliar o seu caso.
• Información básica a recoller polas autoridades:
o Nome de barco
o Día/hora
o Contacto (teléfono/email)
o Posición (GPS/aproximada)

Estas recomendacións foron trasladadas a Salvamento Marítimo. O GTOA seguirá atento á evolución dos casos de interacción destacando que é necesario que se coñeza a posibilidade de que se repitan, difundindo o protocolo de actuación e que sexamos conscientes que estamos ante unha especie ameazada e legalmente protexida, sobre a cal pescamos o seu alimento, que é o atún, e ocupamos o seu espazo vital cos nosos barcos, polo que unha boa práctica permitirá reducir riscos para navegantes e orcas.