Un enfermeiro do centro de saúde Val Miñor acada o doutoramento pola súa tese sobre diabetes

Francisco Represas, enfermeiro especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria do centro de saúde de Val Miñor, ven de converterse no terceiro profesional de enfermaría da Área Sanitaria de Vigo en conseguir o doutoramento pola Universidade de Vigo coa cualificación Sobresaliente cum laude.

A tese doutoral titulada “Intervención complexa a pacientes con Diabetes Mellitus e múltiples estilos de vida non saudables en Atención Primaria”, foi dirixida pola doutora Ana Clavería Fontán.

Francisco Represas, que tamén é profesor do Grao en Enfermería, amosa a súa satisfacción por conseguir este doutorado xa que axuda a visualizar o potencial transformador da investigación na enfermaría e “ pon de manifesto a nosa capacidade para unha investigación de calidade, e a situación privilexiada do noso colectivo para realizar estudos que contribúan a incrementar o nivel dos coidados que prestamos e a mellorar a calidade de vida dos pacientes“.

Investigación nacional con 700 pacientes

A teses presentada baséase nun estudo nacional realizado entre os anos 2016-2019 con 694 pacientes con Diabetes Mellitus, e no que participaron 25 centros de saúde de 7 comunidades autónomas diferentes (Aragón, Castela e León, Cataluña, Baleares, Andalucía, País Vasco e Galicia). Na comunidade galega, a investigación centralizouse en catro centros de saúde da Área Sanitaria de Vigo: Pintor Colmeiro-Nicolás Peña, Matamá, Val Miñor e Teis.

O obxectivo era avaliar a efectividade dunha intervención complexa para mellorar a saúde dos pacientes con Diabetes Mellitus entre 45 e 75 anos que presentasen varias condutas non saudables: non seguir unha alimentación equilibrada, baixo nivel de actividade física e ser fumador. Esta intervención, que durou 12 meses, desenvolveuse a través de varios tipos de abordaxe: individual, grupal e tamén a nivel comunitario.

A intervención individual consistiu nunha consulta por parte do paciente co médico e/ou profesional de enfermaría do seu centro de saúde para conseguir cambiar estas condutas non saudables a través do apoio de tratamento farmacolóxico, da utilización de aplicacións móbiles, e tamén utilizando técnicas por parte do profesional sanitario que conseguisen un aumento da motivación dos pacientes para animarlles a modificar eses hábitos non saudables.

A intervención grupal realizouse a través da participación en diferentes obradoiros grupais no propio centro de saúde, onde os profesionais sanitarios reforzaban a mensaxe dada nas consultas individuais, sobre todo para conseguir aumentar o nivel de actividade física e para seguir unha alimentación mediterránea, como un dos patróns de dieta saudable.

A intervención comunitaria baseouse na prescrición social de recursos comunitarios. A través desta metodoloxía os médicos e enfermeiros dos centros de saúde derivaban aos pacientes a unha seria de recursos comunitarios para tentar cambiar estas condutas non saudables. Entre os recursos máis destacados estaban os ximnasios, as hortas urbanas, rutas de sendeirismo, ou actividades en asociacións de veciños ou diferentes entidades culturais relacionadas coa cociña.

Mellora a adherencia a dieta mediterránea

En canto ás conclusións, Represas explica que “os resultados desta intervención mostraron que foi efectiva para mellorar a adherencia á dieta mediterránea destes pacientes pero, pola contra, non resultou efectiva para mellorar o nivel de actividade física, o control glucémico, nin para diminuír a proporción de pacientes fumadores e sedentarios”.

Por último, tamén se analizaron os factores que máis influían na calidade de vida dos pacientes con Diabetes Mellitus, onde se destaca a saúde mental, a situación laboral e o control glucémico.

Este estudo enmárcase dentro do proxecto de investigación de ámbito nacional “EIRA” o cal recibiu financiamento a través de diferentes organismo públicos como: Fondos FEDER da Unión Europea, Instituto da Saúde Carlos III do Ministerio de Sanidad, Rede Española de Investigación en Actividades Preventivas e Promoción de la Salud (redIAPP) e tamén do Departamento de Salud da Generalitat de Cataluña.