O gondomareño Anxo Lomba proclámase campión de España

Esta fin de semana celebráronse en Santiago de Compostela os Campionatos de España das categorías escolar, cadete e sub 23. O Club de Loita Sabarís desprazou a oito deportistas.

Na categoría escolar debutaron dúas das promesas do club, Pedro Fernández, de Baiona, e Donis Fernández, de Nigrán, que participaron na categoría de 41 kg Loita Libre Olímpica. Donis Fernández proclamouse subcampión de España.

Na categoría cadete foron tres deportistas. Anxo Lomba, de Gondomar, proclamouse campión de España na categoría de 44 kg Loita Libre Olímpica. Lois Cabreira, de Nigrán, participou na categoría de 71 kg Loita Libre Olímpica. No sorteo tocoulle enfrontarse ao actual campión de España. Jesús Forcao, de Sabarís-Baiona, participou na categoría 110 kg Loita Libre Olímpica, perdendo por lesión no primeiro combate.

Na categoría Sub-23, os loitadores bolseiros no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. David González, de Sabarís-Baiona, participou en 57 kg sen obter medalla. Cristian Suárez, de Sabarís-Baiona, conseguiu a medalla de bronce na categoría 79 kg Loita Libre Olímpica. Omar Rodríguez, de Sabarís-Baiona, que actualmente está a combinar os seus estudos na Universidade de Santiago cos adestramentos, proclamouse subcampión de España.

O torneo realizouse seguindo todas as medidas anti-covid, realizando test de antíxenos a todos os participantes. Despois dun ano tan difícil estes resultados son un estímulo para o equipo, que espera volver dar clase aos deportistas do equipo basee no colexio de Sabarís a partir de Semana Santa.