
Este domingo celebrouse no Pavillón Herbello de Bueu o XIX Campionato Galego de Grupos Show (Grupos Grandes e Pequenos). Novamente como non podía ser doutra maneira proclamouse campión de grupos pequenos o Club de Patinaxe Artística de Gondomar, demostrando a súa gran forza, disciplina e gran dificultade co seu show “Saint Mary”, co que rodaron ata o máis alto do podio revalidando o título.
Vitoria máis que merecida para o grupo gondomareño, que aínda que a pandemia non lle permitiu adestrar o desexado, coa axuda da Concellería de Deportes ampliouse o horario de adestro no Pavillón Municipal de Gondomar nas últimas semanas de maneira incansable, conseguindo ser as primeiras clasificadas, sendo os triunfadores da tarde con puntuacións que non baixaron do 9, máximas da xornada para o equipo de show do CPA Gondomar, que alcanzou os 91,2.
Este ano atípico non permitiu a centos de persoas acudir ao evento, pero o seu seguimento en retransmisión en directo foi máximo, podendo gozar do gran evento en xeral e en particular de St. Mary Psychiatric Hospital. Encerrada e custodiada, sometida mediante pastillas, cadeas e grilletes escenificouse sobre rodas con elementos sorprendentes como aterradores na pista do Pavillón Herbello.
O adestrador David Figueroa é o gran artífice deste show, que deixou anonadado ao público coa arrepiante escena, terror, velocidade, sincronización, técnica de primeiro nivel na patinaxe artística sobre rodas, e todo froito do gran traballo continuo escenificado polas súas tenaces patinadoras, que se viron recompensadas coa elevación do trofeo, con gran satisfacción polo gran traballo realizado.
O grupo sen descanso seguirá adestrando duramente para o Campionato de España, xa que desa cita sairán os grupos que se enfrontarán na proba europea e no mundial, eventos deportivos que recollen todas as disciplinas da patinaxe.