O PP pide máis presenza policial nas rúas de Baiona para garantir que se cumpran as medidas de seguridade

O PP de Baiona demanda ao goberno local un maior esforzo para conter a propagación dos contaxios no municipio e para iso pide un incremento da vixilancia policial nas rúas e zonas públicas baionesas. “Isto supoñería un maior cumprimento das medidas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias e daría tranquilidade e confianza ao sector da hostalería que, en ocasións, ten que asumir esta responsabilidade a pesar da delicada situación na que se atopa”.

Desde o grupo municipal popular lembran ao tripartito que o Concello que dirixen, como administración máis próxima á cidadanía, debe implicarse e tomar todas as medidas que estean ao seu alcance para velar polos intereses dos seus veciños e adaptar os seus recursos ás necesidades actuais da sociedade. Por exemplo, que os axentes da Policía Local patrullen máis a pé polas rúas do casco vello de Baiona de forma que poidan controlar as posibles irregularidades que se produzan na vía pública ou disuadir diso e apoiar así tamén á hostalería para evitar que sexan os seus traballadores quen teña que actuar como axentes. “Unha medida lóxica que xa tomaron outros municipios da provincia de Pontevedra cunha incidencia similar á de Baiona e aínda non calou no goberno local do PSdeG, Bng e Nós”.

“Esta acción coherente doutros rexedores locais choca coa idea irracional do alcalde de Baiona, Carlos Gómez, que en lugar de velar pola saúde e a economía das familias do municipio ocórreselle pensar en solicitar o peche perimetral de toda a comarca do Val Miñor en Semana Santa, tal e como manifestou nun medio de comunicación. Non só non é capaz de arroupar desde o Concello aos seus veciños e comerciantes senón que pretende afogar aínda máis a economía do municipio. Un sector xa de seu castigado durante todo este ano que parece non preocuparlle o máis mínimo a xulgar polas súas propostas”, cualifican os populares.