Nigrán insiste en pedir ante a Xunta a desafección da Casa dos Mestres de Camos

O Concello de Nigrán reiterará oficialmente ante a Consellería de Educación a súa petición de desafección da vivenda dos mestres de Camos (en Balinfra, número 45) ao poder acreditar documentalmente que está deshabitada e en estado de abandono. O Concello de Nigrán si dispón desde 2010 das antigas escolas e desde 2017 dunha das dúas casas dos mestres (número 43, cedida ao CEE Juan María para programa de respiro familiar), restando só a desafección educativa desta segunda ao alegar sempre a Xunta que seguía a funcionar como vivenda de mestres.

“Está adxudicada a unha docente pero toda a parroquia sabe que, en realidade, non vive ninguén desde hai anos. É de xustiza que o Concello poida dispoñer dela para un uso social porque se atopa nun estado de abandono que prexudica ao propio inmoble”, xustifica o alcalde, quen reitera a súa vontade de rehabilitala para outorgarlle este fin, tal e como fixo coa súa xemelga adosada.

O Concello de Nigrán está en disposición de acreditar documentalmente ante a Xunta que a casa está sen uso porque o seu consumo eléctrico permanece practicamente inalterable, as persianas baixadas (agás unha traseira, sempre subida), a finca en estado de crecente abandono e o peche perimetral derrubado. “Non hai dúbida que desde hai moitos anos non ten uso residencial, pero tomamos a iniciativa de acreditalo documentalmente desde novembro de 2020 á actualidade para tratar de desbloquear esta situación que prexudica ao municipio e indigna á veciñanza”, defende o alcalde.

A edificación foi construída hai máis dun século para fogar dos mestres é consta dun volume de 339 metros cadrados dividido en dúas vivendas adosadas (unha delas, xa mencionada, a 43, está en uso desde 2017 tras obterse a desafección e cedela o Concello de Nigrán ao Centro de Educación Especial Juan María). Cada una destas dúas casas conta con 80 metros cadrados de planta, dous pisos e xardín nunha parcela de 2.789 metros cadrados. Igualmente, a escola infantil á que estaba vinculada xa non cumpre tal función, por esta razón o anterior goberno socialista solicitara en 2010 á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a desafección do seu uso docente, sendo concedido o 15 de marzo de 2015 e permitindo así que as escolas sirvan para albergar á asociación cultural VaiMillor ou ao grupo de pandereteiras da Asociación Cultural A Camoesa.

“A vivenda é un dereito básico das persoas que contribúe á súa integración social e calidade de vida, é moi importante que Nigrán conte con esta casa en desuso para poder destinala a casos de emerxencia ou calquera outro fin social”, reitera o rexedor, quen incide en que, precisamente, o único “parche” do recinto de Balinfra é esta casa abandonada. “Gustaríanos poder rehabilitala e integrala nos diferentes usos que se dan actualmente en Balinfra porque xa comprobamos que uns e outros se benefician da presenza mutua e comparten actividades”, finaliza González.