Ferreira reclama á Xunta que non mire cara a outro lado e remodele a rotonda de Elduayen

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, reclama á Xunta a remodelación da rotonda de Elduayen, punto de alta sinistralidade. A deputada socialista Leticia Gallego visitou hoxe o municipio e anunciou a presentación dunha iniciativa parlamentaria instando á Xunta a reconfigurar a zona “para resolver os problemas de tráfico e mellorar o espazo urbano de Gondomar”, medida que se adopta xunto a outras no Parlamento galego “tras rexeitar as emendas aos orzamentos 2021 nas que se pedíase ao goberno autonómico que incluíse a partida para esta demanda histórica do municipio”.

Unha idea na que tamén incidiu o rexedor gondomareño, Paco Ferreira, que lembrou que é responsabilidade da Xunta actuar na zona “ao ser a intersección da PO- 331 e a PO-340, ambas de titularidade autonómica, e porque estamos a falar dun punto negro no que se rexistran moitos accidentes ao longo do ano, polo que insistimos en que é necesario, urxente e moi importante que se acometa a súa remodelación”.

Paco Ferreira lembrou que son moitas as ocasións nas que se trasladou esta cuestión á Consellería de Infraestruturas e que “seguimos sen resposta”. Explicou que no punto conflúe o tráfico procedente do Baixo Miño, Ramallosa e Vigo desembocando “nunha rotonda inexistente, que non se adapta ás normativas vixentes e na que a non hai sinalización vertical de xiro. Máis que unha rotonda podemos dicir que os coches acceden a un obstáculo”, manifestou Paco Ferreira.

Reiterou, xunto á deputada Leticia Gallego, que a Xunta “non pode delegar a súa responsabilidade e debe atender esta petición coa que só que quere acabar cun punto negro na circulación e garantir unha mobilidade segura”. Nese sentido, Paco Ferreira explicou que “dende o concello de Gondomar reivindicamos pero tamén estamos dispostos a axudar ou formar parte dun convenio de colaboración coa Xunta, na que como titular do viario, comprométase a asumir o investimento necesario”.

Desde o executivo de Paco Ferreira déronse xa pasos á espera de que a Consellería de Infraestruturas responda, e elaborouse un informe que sinala que “o punto se converte nun cruzamento de vías crave para o pobo de Gondomar e para o Val Miñor,en xeral. A súa actual morfoloxía de encontro non permite que exista fluidez nos movementos debido ao reducido diámetro da rotonda, que impide o xiro de vehículos de grandes dimensións; o mínimo espazo do carril de circulación que impide a entrada e circulación de varios coches á vez na rotonda, ou a ausencia de carril de desvío de tráfico en caso de aumento de afluencia”.

Sobre a mesa unha proposta para solucionar este problema que supoñería a actuación sobre unha superficie de 3000 metros cadrados e un investimento aproximado de 725.000 euros que, “a Xunta debería incluír nos seus orzamentos porque se trata de estradas de titularidade autonómica e o único que buscamos e garantir a seguridade das persoas”, concluíu Paco Ferreira.