
Unha trintena de peregrinos italianos, da zona da Toscana, elixiron Baiona como punto de partida do seu camiño de peregrinación cara a Santiago de Compostela. Os camiñantes chegaron ao Aeroporto do Porto procedentes da súa terra natal e un autobús levounos ata a Real Vila para comezar a súa andaina, atraídos pola súa gran beleza paisaxística. Así, antes de comezar coa súa peregrinación aproveitaron para coñecela e tamén para consumir no comercio local.
O Alcalde, Ángel Rodal, recibiunos no Concello na mañá deste xoves, dándolles a benvida ao municipio e desexándolles un bo camiño. Desde Baiona pódese conseguir a Compostela pois 123 quilómetros separan a Real Vila de Santiago.
“A visita dos peregrinos portugueses veñen confirmar que o Camiño Portugués da Costa segue afianzándose como ruta xacobea máis aló das nosas fronteiras pois a vila vén recibindo con asiduidade grupos de estranxeiros que cada vez máis conforme van pasado os anos escollen esta senda e Baiona como punto de partida como opción principal para realizar a peregrinación a Santiago. Mesmo existen axencias especializadas no Camiño de Santiago que ofrecen como destino de partida a Real Vila”, destacou Rodal.
É o caso da axencia de viaxes de Dublín (caminoways.com), tras descubrir os responsables da axencia as paisaxes que ofrecía esta singular senda empezaron a ofrecela aos seus clientes. Desde entón, xullo de 2014, son moitos os cidadáns estranxeiros que se dirixiron ata a localidade para iniciar o camiño ata a capital galega. Os peregrinos elixen Baiona como punto de partida para iniciar as súas andainas atraídos pola beleza incomparable deste magnífico camiño de peregrinación.
O Concello de Baiona ponse un obxectivo alto e esperan que a ruta se converta na segunda opción co transcurso do tempo, por detrás do Camiño Francés, pois se trata dunha ruta para gozar que conta cunha paisaxística sen igual. Ábrese un novo horizonte para a localidade pois se trata dun recurso turístico de primeira orde para Baiona.