Gondomar celebra o Día Mundial do Teatro inaugurando o ciclo teatral de primavera

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O Concello de Gondomar celebra o Día Mundial do Teatro inaugurando o ciclo teatral de primavera. A programación arrancará o vindeiro sábado 27 de marzo e prolongarase ata o 1 de maio cun total seis representacións. As entradas poderanse adquirir a partir de hoxe mesmo a través do despacho de billetes electrónico https://taquilla.concellodegondomar.gal que o Concello estrea esta tempada para garantir total seguridade no cumprimento da normativa covid19 e facilitar o acceso ás mesmas.

Desta maneira facilitarase a adquisición de entradas de forma telemática evitando o uso de papel e empregando un código QR que servirá para acceder ao Auditorio Lois Tobío o día da función. O prezo oscilará entre os 2,5 euros (espectáculos familiares) e os 3,5 euros (teatro para adultos) e poderán retirarse para calquera das seis obras previstas na programación.

O espectáculo familiar “¡Ciencia que alimenta!” de Compañía Rota e Descosida dará o pistoletazo inicial á programación teatral de primavera en Gondomar este próximo sábado 27 de marzo ás 18.00 horas da tarde, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Teatro. A ela sumaranse “O Mel non caduca” de Iboprufeno Teatro (3 de abril); “Despois das ondas” de Butaca Zero (10 de abril); “Italiano Grand Hotel” de Cia La Tal; “Zampalibros” de Sarao Animación (24 de abril); e, “Pyka” de Cinema Sticado (1 de maio).

“Buscouse unha programación pensada para todos os públicos, para familias e para adultos, nun apoio claro que desde un principio tivo este Concello co mundo da cultura e todos os seus integrantes ante as consecuencias xeradas pola covid19 neste sector”, manifesta o alcalde, Paco Ferreira, quen subliña que “son miles os empregos que xera anualmente e debemos estar ao seu lado, na medida do posible, porque a cultura é segura”.

“¡Ciencia que alimenta!” con Carlos Godoy e Cecilia Vázquez sobre o escenario, levantará o pano da programación teatral de primavera en Gondomar o próximo sábado. Sobre as táboas do Auditorio Municipal Lois Tobío os artistas demostrarán ao público que a ciencia non entende de xéneros e que está ao alcance todas e todos. As entradas xa están á venda (2,5 euros) no despacho de billetes electrónico https://taquilla.concellodegondomar.gal activo desde hoxe martes e no que tamén se poderán consultar o resto de representacións, os seus horarios e adquirir as entradas se así se quere.