A Xunta prorrogará a vixencia dos libros de 4º e 6º de Primaria e 1º e 3º de ESO

A Xunta de Galicia prorrogará a vixencia dos libros de texto de 4º e 6º de Primaria e 1º e 3º da ESO co fin de evitar un gasto extraordinario nas familias. Con este obxectivo, a súa renovación farase coincidir coa entrada en vigor dos currículos da nova lei educativa Lomloe a partir do curso 22-23.

Tendo en conta que este ano tocaría renovar os manuais dos devanditos niveis, isto suporía un gasto total de máis de 10M€ para as nais e pais en libros que só servirían para un ou dous anos académicos e non poderían pasar despois nin a outros nenos (irmáns, outros familiares…) nin a un banco de préstamo. O aforro por familia será de entre 105€ e 280€ en función do nivel educativo e da renda familiar.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade toma esta decisión tras propoñerlla e acordala coas asociacións de nais e pais e coa Xunta Autonómica de Directores, así como cos representantes dos libreiros e editores da Comunidade.

Máis fondos e iniciativas para fomentar a lectura

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, reuníronse coa Federación de Libreiros de Galicia para presentarlles as novas liñas de reforzo previstas en bibliotecas escolares, que suporán un incremento de fondos bibliográficos para os centros educativos, cun investimento de 3M€. Ademais, destinaranse 5,5 M€ a reposición de libros deteriorados. En total, a Xunta dedicará este ano 8,5M€ a renovar este material e reforzar os hábitos de lectura no alumnado.

En concreto, o Goberno galego ten previsto lanzar unha nova liña de actuación dirixida a incentivar e apoiar ás bibliotecas escolares nos centros do rural non integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), así como incrementar o orzamento do curso 2021/22 no referido á dotación para adquisición de fondos neste plan.

Por outra banda, prevese o deseño dunha nova acción para a renovación da colección de materiais inclusivos para unha mellor atención á diversidade do alumnado nas bibliotecas escolares, ademais de fomentar a participación de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nas actividades das bibliotecas.

Así mesmo, estenderase a convocatoria dos Clubs de Lectura aos centros de educación Primaria -ata agora só presente en Secundaria- e promoveranse as iniciativas de lectura en galego. Na actualidade, 213 centros escolares forman parte desta iniciativa na que participan máis de 10.000 alumnos.