Veciños de Baiona trasladan ao PP o seu malestar polas dificultades para comunicarse co Concello

Ao longo das últimas semanas numerosos veciños de Baiona puxéronse en contacto con concelleiros do grupo popular para trasladarlle o seu malestar polas dificultades que atopan para comunicarse cos diferentes departamentos do Concello. Aseguran, e así o puido corroborar o PP, que para calquera cuestión menor vénse obrigados a pedir cita vía telefónica ou telemática que tarda varios días cando a resposta ben podería solucionarse cunha simple chamada telefónica ao departamento correspondente, principalmente cando se trata de casos urxentes que requiren dunha contestación rápida. “É un sen sentido ter que chamar e pedir cita telefónica para unha consulta telefónica cando na mesma chamada poderían dar resposta sen necesidade de esperar varios días”, opinan os populares. “E aínda por riba, se un veciño que se atopa no interior do Concello e quere pedir cita impídenllo e dinlle que ten que facelo por teléfono. Un total despropósito”, engaden.

Ademais, en moitas ocasións non se cumpre o horario das citas telefónicas e, mesmo, hai veciños que non chegaron a recibir resposta telefónica nunca a pesar de ter solicitada esta comunicación. A isto súmase que conseguir unha destas citas telefónicas resulta tarefa imposible porque hai xornadas nas que no Concello non responden o teléfono durante toda a mañá. “É ilóxico e absurdo que sexa imprescindible unha cita telefónica para aqueles asuntos que poden resolverse no mesmo instante cunha simple chamada”, valoran os populares. Entenden que si se utilice este sistema para os asuntos que requiran dunha atención presencial ou dun tempo determinado pero “non poden dilatar no tempo, sen xustificación, aqueles que poden resolverse no momento”.

Desde o PP baionés lembran que para moitos veciños de Baiona de idade avanzada supón un inconveniente total o acceso ás novas tecnoloxías para poder obter na web os números cos que comunicarse, o que sitúa nunha situación de desigualdade e indefensión a uns baioneses respecto a outros. Pero non
só isto, tamén supón unha “falta de transparencia” e un “descontrol” na xestión diaria municipal que repercute directamente nos veciños.

“Por moitos motivos é evidente que a xestión interna do Concello non funciona e tampouco a externa en relación cos veciños onde está a apertura de portas e xanelas que prometeron?”, pregúntanse desde o PP, que esperan que este sistema de comunicación cos baioneses modifíquese e axilícese canto antes.