Os Bonos Activa Comercio da Xunta incentivarán o consumo nos establecementos de proximidade

Os Bonos Activa Comercio impulsados pola Xunta teñen previsto mobilizar 55 millóns de euros en Galicia co obxectivo de dinamizar as vendas nos establecementos de proximidade e, así, reactivar o sector. Deste xeito, a Administración autonómica busca axudar a reducir o impacto económico derivado das restricións pola pandemia da covid-19 e fomentar o consumo nos establecementos da Comunidade.

O programa, do que hoxe se informou no Consello da Xunta e que se prevé activar nas próximas semanas, contará cun orzamento de 10 millóns de euros, que se repartirán en bonos desconto de 30 euros dos que se poderán beneficiar máis de 330.000 clientes.

A iniciativa da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que foi deseñada da man da Federación Galega do Comercio, desenvolverase a través dunha aplicación móbil e o importe de cada bono irase consumindo en función do valor da compra: as compras iguais ou superiores a 30 euros terán un desconto de 5 €, mentres que ás compras iguais ou superiores a 50 euros lles corresponde un desconto de 10 €. O período de validez dos bonos será de tres meses desde o seu lanzamento e en cada comercio poderanse cambiar ata un máximo de 5.000 euros en descontos.

A este programa poderán sumarse os comerciantes polo miúdo que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que sexan autónomos ou pemes. Entre outros requisitos, deberán cumprir coas medidas de prevención fronte á covid-19, para o cal poderán adherirse á plataforma Comercio Seguro impulsada pola Xunta de Galicia.

Con carácter previo ao lanzamento dos bonos, procederase á convocatoria para a selección dunha entidade financeira colaboradora, que xestionará a plataforma tecnolóxica da iniciativa e distribuirá os fondos aos comerciantes adheridos ao programa sen ningún custo para eles.

Os Bonos Activa Comercio forman parte do paquete de medidas específicas para o sector que a Xunta de Galicia está a pór en marcha para acompañar o comercio de proximidade na súa reactivación, e que contará con polo menos 20 millóns de euros en axudas para reforzar a competitividade do sector a través de iniciativas que permitan a súa modernización e incentiven o consumo.

Así, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación está a perfilar, en consenso co sector, axudas que permitirán, por unha banda, dar resposta ás necesidades máis inmediatas e contribuír a impulsar o consumo nas tendas, incluíndo este programa de bonos desconto; e por outra banda, iniciativas que impulsen a transformación dixital do sector, cunha aposta clara polo comercio en liña.

A Xunta demostra unha vez máis o seu compromiso co comercio galego, un dos sectores máis afectados pola pandemia a pesar de que Galicia está a resistir mellor a situación actual que o conxunto de España. Así, o índice xeral do comercio polo miúdo diminúe na Comunidade un 7,2 % en xaneiro de 2021 con respecto ao mesmo período do ano anterior, mentres que a media estatal rexistra unha caída do 10,9 %.