Nigrán únese á campaña para propoñer a Javier Pitillas como candidato ao premio Princesa de Asturias da Concordia

O Concello de Nigrán enviou hoxe unha carta oficial á Vicepresidencia da Xunta co obxectivo de adherirse á campaña da Xunta para impulsar a candidatura de Francisco Javier Pitillas Torra, responsable da iniciativa Discamino, ao Premio Princesa de Asturias da Concordia 2021 pola súa labor solidaria que posibilita que persoas con diferentes tipos de discapacidade poidan realizar o Camiño de Santiago. O propio alcalde de Nigrán, Juan González, comunicou persoalmente a Pitillas esta iniciativa do Concello aproveitando a súa visita e a de David Gil, de “700 camisetas contra la leucemia”, ao CEIP Humberto Juanes con motivo da semana da prensa escolar.

O Concello de Nigrán ten a honra de contar desde hai anos coa colaboración de voluntarios de Discamino, e do propio Javier Pitillas, para que persoas con discapacidade poidan gozar de paseos ou roteiros nos vehículos deportivos adaptados adquiridos polo consistorio no 2017. Por esta razón, o goberno de Nigrán dá testemuña do beneficio desta iniciativa para os usuarios e tamén para a propia sociedade: a través do deporte adaptado aporta calidade de vida e retos ilusionantes ás persoas con diversidade, beneficia incriblemente a súa saúde física e mental e subliña a necesidade dunha accesibilidade universal.

“En definitiva, Discamino pedalea a prol da empatía, da integración e da solidariedade para que todas as persoas poidan acadar as súas propias metas independentemente das súas capacidades. Por todo iso, desde o Concello de Nigrán unímonos á proposta da Xunta de Galicia de propor ao vigués Javier Pitillas como candidato a recibir o Premio Princesa de Asturias da Concordia 2021 por traballar dunha forma admirable a favor dunha sociedade máis xusta, igualitaria, fraternal e solidaria”, finaliza a carta enviada á Xunta.