A Garda Civil esclarece roubos en repetidores de telefonía do Val Miñor

A Garda Civil detivo a un veciño de Salvaterra de Miño (Pontevedra), de 43 anos, como presunto autor de 31 delitos de roubo con forza perpetrados no interior das instalacións doutros tantos repetidores de telefonía móbil das provincias de Pontevedra e Ourense.

Segundo as investigacións realizadas, esta persoa, que ten un amplo historial de antecedentes delituosos, cometía os roubos en compañía doutro veciño identificado do municipio de Salceda de Caselas (Pontevedra), que faleceu recentemente.

As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán iniciáronse por mor da proliferación dos roubos que se perpetraron durante o ano 2018 en distintas casetas de telefonía móbil no sur da provincia de Pontevedra.

A finalidade dos roubos neste tipo de instalacións, que normalmente se sitúan en zonas illadas de monte, era a subtracción das baterías destinadas á alimentación do repetidor cando sufrían algunhas baixas de tensión no fluído eléctrico, por iso é polo que en moitos casos demorábase a noticia do roubo.

En todos os casos accedían ao interior das casetas forzando o enreixado perimetral e violentando os cadeados das portas das súas instalacións para subtraer as baterías, que normalmente as vendían para chatarra.

Tras unha ardua análise da información solicitada sobre todos e cada un dos feitos coñecidos, reforzáronse as sospeitas que desde facía tempo recaían sobre estas dúas persoas, que en máis dunha ocasión foron localizadas e mesmo identificadas nas localidades onde cometeron os roubos.

Desta forma e en base aos indicios racionais obtidos no marco da denominada Operación PISTE 18, atribúeselles a presunta autoría de 31 roubos con forza cometidos en 2018 noutras tantas casetas de telefonía distribuídas nas provincias de Pontevedra e Ourense, onde se apropiaron de 190 baterías.

A maior parte dos feitos rexistráronse en Pontevedra, onde se cometeron roubos en distintos municipios da provincia, sendo as localidades máis afectadas: Nigrán, Baiona, Gondomar, Mos e Pontevedra. Tamén se esclareceron outros roubos noutras localidades das comarcas de Condado-Paradanta, Baixo Miño, Morrazo, Salnés, Pontevedra e Vigo.

Na provincia de Ourense esclarecéronse catro roubos nos municipios de Ponte Barxas, Ribadavia, San Cibrao das Viñas e Xinzo de Limia.

Segundo as denuncias presentadas polos afectados, o valor do subtraído, xunto coa reparación dos danos causados nas instalacións, supera os 83.000 euros.

As dilixencias entregáronse no Xulgado de Instrución número 3 de Ponteareas, onde terá que comparecer o detido cando sexa requirido pola autoridade xudicial.