Sin categoría

O PP de Baiona volve pedir a devolución de parte do recibo do lixo aos establecementos que estiveron pechados

O PP de Baiona apoiou no último pleno a rebaixa do 10 por cento no recibo do lixo que ofrece Sogama aos concellos galegos nos que traballa e que debe ser repercutida aos veciños durante o próximo ano 2022. É dicir, os fogares baioneses pagarán un 10 por cento menos na factura do lixo o ano que vén grazas a esta iniciativa promovida por Sogama e que saíu adiante na última sesión plenaria cos votos a favor do grupo municipal popular.

Un aforro do que xa poderían beneficiarse os veciños en 2021 se o tripartito o solicitara en 2020, como fixeron o 80 por cento dos municipios de Galicia durante este ano, tal e como esixiu en pleno o PP baionés ao coñecer que non o fixeran. O único requisito de Sogama para a concesión desta bonificación aos concellos era o seu compromiso de mellorar a recollida de residuos e adoptar medidas orientadas ao fomento da reciclaxe, con todo o goberno local de Baiona que preside o socialista Carlos Gómez decidiu deixar pasar esta oportunidade privando ás familias deste beneficio. “Agradecemos que nesta ocasión tivesen en conta a nosa petición”, congratúlanse.

E a devolución de 2020 a comerciantes e autónomos?

Pero para os populares, o tripartito debería ser máis ambicioso e devolverlle aos máis de tres centenares de comercios non esenciais e locais de hostalería a parte proporcional do recibo anual do lixo que se cobrou en decembro correspondente ao período de 2020 ao permanecer pechados de maneira obrigada durante o confinamento e non facer uso deste servizo durante, polo menos, tres meses nos que a clausura foi total. Así o demandou o PP en varias ocasións durante o ano pasado, a primeira xa no mes de xuño, tanto en pleno como tamén publicamente nos medios sen que desde o goberno local tivésese en conta nin se executase dita devolución.

Isto, ademais dunha pequena inxección económica para os autónomos “é de xustiza” e supoñería un xesto por parte do Concello cun dos sectores máis afectados pola pandemia xa que ata o momento o tripartito non expuxo formalmente nin unha soa medida de reactivación que permita ao tecido económico local seguir adiante dunha forma máis áxil. “Queda patente unha vez máis o pasotismo e a falta de sensibilidade e compromiso deste goberno tripartito cos veciños”, manifestan.