Nigrán retoma o reparto de 400 trampas para vespas velutinas

O Concello de Nigrán vén de investir 1.600 € na compra de 400 trampas para vespas velutinas co obxectivo de distribuílas entre a veciñanza agora que as raíñas finalizan a hibernación e comezan a construír niños. Os interesados poden pasar pola Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán de 9:00 a 14:00 horas, onde se lles entregarán dúas trampas e líquido atraínte, ademais de a receita para elaborar caseiramente máis. A maiores desta nova remesa, o Concello entregou nos anos anteriores 1.200 trampas que permitiron diminuír a presenza de velutina na localidade, así, se no 2018 se retiraron 270, no 2019 foron 175 e no 2020 menos de cen.

“Este é o momento de poñer trampas nas árbores froiteiras ou zonas de flores porque xa comezan a saír as raíñas, no verán xa non ten sentido porque están os niños feitos”, explica Alfonso Vázquez, edil de Sanidade e apicultor afeccionado, quen chegou a contabilizar nunha soa primavera 2.000 reinas atrapadas en só unha ducia trampas. “Cada raíña é un futuro niño, polo que isto evita milleiros e milleiros”, indica o edil, quen subliña a importancia de colocarse entre marzo e abril. Ademais, aínda que o Concello dispón de líquido atraínte que tamén entrega con cadansúa trampa, Vázquez entrega a receita caseira, consistente en 1 litro de viño tinto, 1 litro de cervexa e 1kg de azucre e un chorro de vinagre (conservado todo nun bote hermético).

“A tenacidade e voluntariedade de Álfonso Vázquez é a que explica que en Nigrán se estea a controlar e reducir a presenza da avespa asiática, a súa dilixencia fai que cada semana reciba directamente chamadas de veciños que avistaron algún niño ou aos que Seaga nos lles deu solución”, considera Juan González, alcalde de Nigrán.