A nigranesa Marine Instruments completa con éxito as primeiras probas do M5D

O sistema aéreo remotamente tripulado M5D AIRFOX do fabricante nigranés Marine Instruments completou con éxito a primeira fase das probas de aceptación dentro do programa RAPAZ da Dirección Xeral de Armamento e Material (DGAM) do Ministerio de Defensa.

As probas leváronse a cabo durante un total de dez de días de voos nas instalacións do INTA en Torregorda (Cádiz) e caracterizáronse por unha meteoroloxía moi esixente que puxo a proba as condicións de operación do AIRFOX en condicións extremas de vento, sorprendendo aos asistentes pola súa capacidade de operación nestas condicións.

As probas, supervisadas por persoal da Subdirección Xeral de Tecnoloxía e Innovación da DGAM así como por persoal da 11ª Escuadrilla de Aeronaves da Armada, contemplaron desde a compatibilidade electromagnética do sistema para operar desde un buque con numerosos emisores electromagnéticos; o cumprimento das prestacións establecidas polo fabricante: condicións de operación, alcance, teito de operación, ruído radiado, autonomía, características e prestacións da carga de pago entre outras; e, por último, as condicións de operación con seguridade para as posteriores probas a bordo dun buque: precisión nas tomas, condicións de operación da catapulta, protocolos de actuación autónoma en caso de condicións desfavorables e outras que garanten que a operación a bordo desenvolverase nunhas condicións de seguridade absolutas.

Con posterioridade ás probas citadas efectuáronse demostracións a varias institucións, axencias, exércitos e unidades que mostraran interese en asistir, destácase a presenza do Almirante da Frota que asistiu un dos días. Todos os asistentes destacaron a robustez do sistema, a flexibilidade de uso, as prestacións, a idoneidade da escasa carga loxística asociada e a adaptabilidade do sistema para operar desde patrulleiros de dimensións limitadas ata buques maiores.

Tras esta primeira fase de probas ábrese un curto período para implementar as melloras suxeridas pola Subdirección de Tecnoloxía e Planificación de DGAM, o sistema estará listo para unha segunda proba desde terra para determinar a súa idoneidade no apoio ás operacións ISR sobre terra e, posteriormente, para operar desde o buque que a Armada designe.

O M5D AIRFOX é un RPAS naval coas seguintes características máis notables: peso máximo ao despegamento de 4 kg, autonomía de ata 10 horas, propulsión eléctrica con recarga mediante paneis solares nas ás, alcance de 18 millas náuticas, velocidade máxima de ata 45 nós, límite de vento real para operación de ata 20 nós e unha carga de pago dunha cámara de vídeo fullHD.