A Garda Civil aborta unha concentración ilegal de coches en Oia

A Garda Civil de Pontevedra frustrou na tarde do pasado domingo unha quedada de condutores de vehículos de motor na estrada EP-3202, na localidade de Santa María de Oia. Aproximadamente ás 16:30 horas, axentes do Destacamento de Tráfico do Porriño, tras efectuar unha vixilancia en vehículos de cores comerciais accederon á zona da casa forestal da Valga, á altura do Km 5 da citada vía, onde se citaron numerosos novos afeccionados ao mundo do motor procedentes das localidades próximas, especialmente das comarcas do Baixo Miño e do Val Miñor.

No momento da actuación, os axentes sorprenderon ao condutor dun turismo, un mozo de 27 anos, veciño da Guarda, realizando unha condución temeraria, consistente na realización de derrapaxes a unha velocidade notoriamente superior á permitida, mentres o resto das persoas concentradas na zona observaban os feitos. Esta persoa, tras ser sometida ás proba de alcol e drogas, lanzou resultado positivo indiciario, pendente de confirmación por laboratorio.

Outro condutor de 19 anos, neste caso veciño do Rosal, foi detectado instantes despois por outra patrulla mentres trazaba unha curva a alta velocidade invadindo o sentido contrario á circulación.

Simultaneamente no lugar dos feitos establecéronse varios puntos de verificación de persoas e vehículos. Neles, os axentes detectaron dúas infraccións por alcoholemia positiva, outras dúas por presenza de drogas no organismo e diversas infraccións ao Regulamento Xeral de vehículos, sendo tamén efectuadas denuncias por infraccións relativas a incumprimentos das medidas sanitarias do COVID.

O Subsector de Tráfico de Pontevedra, continuará coa vixilancia deste tipo de eventos a fin de evitar as fatídicas consecuencias que poden ter na seguridade viaria.