
Un ano máis, e a pesar da pandemia, o Val Miñor celebrou o Día Internacional da Muller cunha concentración na Ramallosa, usando a máscara en todo momento, sen berrar para evitar a expulsión masiva de aerosois e mantendo as distancias, co son da gran Batucada Feminista.
Baixo o lema “Sen coidados non hai vida. Mulleres en folga: esenciais, precarizadas e fartas!!!”, este 8 de marzo, novamente, póñense os coidados no centro das reivindicacións. “Porque o traballo de coidados debe ser o centro e motor da vida. Visibilizaremos o que está invisibilizado”.
- Contra un sistema, capitalista e patriarcal que asigna ás mulleres as tarefas de coidado, xerando o poder do mundo público e masculino, desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos. E para concienciar da importancia de todos eses traballos invisíbeis que permiten a reprodución e o mantemento da vida, porque sen nós o sistema cae.
- Porque os traballos dos coidados que son remunerados, realízanse en condicións de precariedade e son infravalorados tanto social como economicamente, mesmo a pesares de resultaren actividades esenciais.
- Pola corresponsabilidade tanto no reparto de tempos coma de traballos.
- Contra a privatización dos servizos esenciais para o coidado, residencias, servizos de axuda no fogar, escolas infantís,… que enchen o peto duns poucos, a costa de escravizar a moitas.
- Para denunciar que na xestión da pandemia, as medidas laborais para a conciliación consistiron en reducir a xornada ou abandonara o traballo, abocando as mulleres a unha perda do seu nivel adquisitivo.
- Porque o traballo a distancia foi unha trampa para un importante número de mulleres, que sofren un detrimento da saúde física, emocional de psicolóxica.
- Para esixir dereitos para maternar de forma digna, denunciar a violencia exercida contra as nais.
- Para denunciar a precariedade das pensións das mulleres galegas.
- Para esixir que as empregadas do fogar deixen de formar parte dun réxime especial.
- Polos miles de mozas que se viron obrigadas a emigrar nas últimas décadas.
- Por todas aquelas mulleres que foron agredidas e desatendidas en plena pandemia.
- Porque esta pandemia levou a unha situación límite a moitas mulleres que xa estaban nunha situación de exclusión, pobreza, e precariedade.
- Pola demanda de despatoloxización e de autodeterminación, das mulleres trans.
- Pola situación de especial vulnerabilidade á que o estado expón ás mulleres presas.
- Porque estamos fartas de que o traballo no fogar, nas terras, e nos coidados funcione como un amortiguador dos efectos devastadores da crise no benestar das persoas.
- Por aquelas que hoxe non poden estar, por aquelas que enchedes os vosos balcóns de reivindicación feminista.
Concentración do 8M na Ramallosa
🎥 VIDEO: Concentración do 8M na Ramallosa.
Publicado por Valmiñor TV en Lunes, 8 de marzo de 2021