Sanidade levanta o peche perimetral das áreas sanitarias de Coruña e Pontevedra

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou está mañá en rolda de prensa, das novidades acordadas polo subcomité clínico, e entre as que destacan o levantamento do peche perimetral das áreas sanitarias de Coruña e Pontevedra, e o establecemento do nivel máximo de restricións nos concellos de Boborás, Poboa de Brollón e A Mezquita, que se engadirán ao municipio pontevedrés de Soutomaior.

Trala xuntanza do grupo de expertos que avalía a evolución da covid-19 en Galicia, o titular da carteira sanitaria da Xunta apuntou que desde as 00:00 horas do vindeiro luns 8 de marzo, no que entrarán en vigor as novas medidas, os municipios das áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra recuperarán a mobilidade cos restantes concellos galegos, sempre e cando se atopen no seu mesmo nivel de restricións.

No que atinxe ao nivel alto, o responsable da Sanidade galega especificou que os concellos de Miño, Ponteceso, Sobrado, Arteixo, Cambados, Ponte Caldelas, Mos, Vilanova de Arousa, Guitiriz, Lourenzá, Paradela, Cariño e Mugardos pasarán a integrar a listaxe de municipios deste nivel.

Nos restantes concellos galegos rexerán as medidas do nivel medio.

Durante a súa intervención, García Comesaña solicitou a colaboración de toda a cidadanía á hora de cumprir as medidas establecidas co ánimo de poder continuar coa boa evolución epidemiolóxica que esta a ter a comunidade galega nas últimas datas.

Respecto da ocupación hospitalaria, o xerente do Sergas, José Flores, remarcou que na presión asistencial dos centros sanitarios galegos “observase unha melloría reseñable dos datos, en comparación con hai unha semanas”, explicando que na actualidade son 311 as camas ocupadas por pacientes covid, e que hai 89 pacientes que precisan asistencia nas unidades de coidados intensivos.

No que atinxe aos datos epidemiolóxicos, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, sinalou que “segue a aumentar o número de concellos sen novos casos identificados nos últimos 14 días” e “o número reprodutivo instantáneo fica situado nestes intres, por debaixo do 0,8%”. Ademais, doutora Durán especificou que a “incidencia acumulada en Galicia a 14 días é de 114 casos por 100.000 habitantes, e de 44, na súa evolución a 7 días”.