O lobo mariño PABBAR, en condicións para volver ao mar

A tempada de lobos mariños vai de finais de ano a marzo do ano seguinte, é por iso que, coa detección do primeiro lobo mariño na praia de Vilarrube, Valdoviño, a mediados do mes de novembro de 2020, demos en considerar que a tempada actual 2020-2021 adiantouse ás datas doutros anos, pouco despois deste exemplar tivo que ser recollido para recuperación o lobo mariño PABBAR.

O lobo mariño ingresa na UCI en novembro

O domingo día 15 de novembro foi rexistrado o primeiro lobo mariño da tempada 2020-2021 na costa de Valdoviño, na Ría de Cedeira. Houbo de ser recollido días despois e foi recuperado e xa foi liberado, déuselle o nome de RUBE.

Poucos días despois, o 28 de novembro, apareceu na praia de Barizo en Malpica, un novo exemplar que baixou á praia a media mañá, a pesar da alerta inmediata da veciñanza o equipo da CEMMA decidiu darlle a oportunidade de que descansase na praia e puidera volver ao mar, mais, ao comprobar que coa marea alta non volvía e mesmo fuxía do mar decidiuse actuar para a súa recollida. Nese momento fuxiu para o mar asustado mais poucos minutos despois volvía á praia dada a imposibilidade de manterse no medio acuático.

Tratábase dun cachorro macho de poucas semanas de lobo mariño cincento, Halichoerus grypus, de 18 kg, que presentaba desnutrición e parálise parcial do terzo posterior corporal. Estes cachorros proceden das colonias do Norte de Europa, posiblemente de Irlanda, son moi inexpertos e o cansazo que traen fai que baixen ás praias a descansar ou pasar a noite.

PABBAR ao IGAFA

Na primeira fase de rehabilitación na UCI de lobos mariños de Nigrán, os exemplares recuperan as súas constantes vitais, estabilizando o seu estado, e reciben o tratamento clínico que o equipo veterinario da Rede de Varamentos establece especificamente a cada caso. Deste xeito chégase a unha boa restauración da súa saúde que se ve potenciada coa alimentación, aumentando de peso e de tamaño. Cando os exemplares acadan entre 18-20 kg, e están solucionados os problemas que os levaron ao varamento, considérase superada a primeira fase da recuperación, polo que o equipo veterinario autoriza o traslado da UCI á piscina exterior para iniciar a segunda fase.

A segunda fase de rehabilitación lévase a cabo nas instalacións do IGAFA na Illa de Arousa. Alí, os lobos mariños instálanse nunha piscina de auga corrente salgada á intemperie, con apenas unha illa para poder descansar en seco. O obxectivo nesta fase é acadar musculación, axilidade, capacidade de mergullo e de caza, aclimatación á temperatura ambiental e mariña, así como gañar peso.

O traslado do lobo mariño PABBAR ao IGAFA tivo lugar o día 21 de xaneiro, dende aquel momento permaneceu nas súas instalacións. Neste momento acada os 38 kg de peso e o seu estado de saúde é axeitado para volta ao seu medio, polo que o equipo veterinario da Rede de Varamentos dará a alta do exemplar para proceder ao embarque para a súa liberación e retorno ao medio mariño.

A súa estancia foi un pouco máis extensa que outros lobos mariños a causa de que era necesario darlle tempo para a recuperación total das feridas e analizar o movemento das súas patas traseiras garantindo a rehabilitación da natación. Normalmente a liberación dos lobos mariños acontece cando superan os 30 kg e PABBAR supéraos con creces polo que volverá ao medio con mellores reservas.

Embarque no “Patricia Marta”

Unha vez rematada a segunda fase de recuperación no IGAFA, procederase ao embarque para a liberación ao medio, que se levará a cabo coa colaboración do arrastreiro “Patricia Marta”, con base en Vigo, que embarcará ao lobo mariño o sábado día 6 de marzo para trasladalo ás augas norteñas do Grand Solé, onde, 36 horas despois do embarque, procederá á súa liberación nas augas internacionais.

Outros lobos mariños na costa

Ademais destes exemplares foron observados outros lobos mariños na costa de Cervo, Arteixo, Fisterra, Burela e Malpica, ben na praia ou ben no mar, pero non precisaron de asistencia. ademais o lobo mariño DOQUI, unha femia que permanece nas nosas costas dende maio de 2020 foi observado na zona do norte da Coruña, entre Cariño e Ortigueira, o que constata por primeira vez a estancia durante o verán, outono e inverno dun lobo mariño nas costas de Galicia, cumprindo case un ano de estancia, algo que nunca se comprobara ata o de agora.

Rede de Varamentos de Galicia

A Rede de Varamentos de Galicia, baixo responsabilidade da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia a través do convenio subscrito coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA, que leva a cabo os traballos de asistencia e recuperación de fauna mariña ameazada.

A CEMMA é a única entidade autorizada para a participación na Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.