Entra en vigor o novo regulamento do Punto Limpo de Gondomar

Gondomar continúa a dar pasos para converterse en municipio de referencia en materia medioambiental. Este mesmo xoves entra en vigor o novo regulamento de funcionamento do Punto Limpo, unha normativa revisada e actualizada que buscaba dar resposta ás necesidades da veciñanza e que incorpora importantes melloras. “Seguimos avanzando nos nosos compromisos e na mellora das infraestruturas. Este regulamento supón un salto cualitativo na prestación do servizo, agora adaptado á realidade da nosa veciñanza. Queremos seguir potenciando o Punto Limpo e invitar a todo o mundo a que faga un uso responsable del”, destaca o alcalde, Paco Ferreira.

Entre as principais novidades destaca a ampliación da tipoloxía de residuos e das cantidades máximas que se poden depositar, un cambio no regulamento que puido levarse a cabo grazas aos traballos de mantemento e mellora das instalacións e a habilitar un lugar específico para os Residuos e Aparellos Eléctricos e Electrodomésticos (RAEES), que cada vez adquiren maior importancia e requiren máis espazo.

O Concello de Gondomar investiu máis de 15.000 euros na actualización das instalacións, que supuxo o cambio das luminarias por unhas led, o abastecemento de auga potable ao recinto, o asfaltado dos accesos, o reforzo do peche perimetral, a instalación de paneis informativos e de sinalización ou a mellora da oficina e o almacén que alberga os residuos máis perigosos.

Por outra banda, ademais das persoas residentes dende agora tamén poderán empregar o punto limpo terceiros que estean autorizados para facer a entrega en nome doutra persoa, para o que se deberá encherse documentación previa recollida no Anexo I da ordenanza.

Mellora do proceso

O Punto Limpo é un centro de recollida selectiva no que se almacena de forma temporal os residuos domésticos que non se procesan a través da recollida diaria, residuos que soamente saen do recinto para enviar aos xestores autorizados. Para unha maior eficiencia do servizo, o novo regulamento permitira unha mellora no control documental de todo o proceso para coñecer o perfil do usuario e saber que residuos se depositan e cales saen cara os xestores autorizados.

A entrada en vigor deste novo regulamento é un paso máis na aposta decidida do goberno de Paco Ferreira polo medio ambiente e a sostenibilidade do municipio, que se complementará con campañas de información e sensibilización sobre a necesidade de usar o Punto Limpo por parte da veciñanza.