O mundo mariño, protagonista da Cabalgata de Reis de Nigrán

Os Reis Magos de Oriente serán recibidos o domingo no Pavillón Municipal de Panxón ás 19:00 horas despois de desfilar por Nigrán, A Ramallosa e Panxón. As Súas Maxestades sairán do Concello de Nigrán ás 17:00 horas percorrendo as rúas Rosalía de Castro e Manuel Lemos chegando á Ramallosa ás 17:30, para percorrer as rúas Romana Alta, Damas Apostólicas, Romana Baixa, Camiño da Cabreira e Manuel Lemos e concluír no Centro da Terceira Idade na Alameda de San Campio.

Posteriormente, desfilarán ás 18:45 horas dende as pistas de tenis de Panxón para chegar ao Pavillón Municipal sobre as 19:30 horas. Percorrerán as rúas de Panxón e será no Pavillón onde se realizará a recepción real que outorga aos nenos a oportunidade de falar directamente con Melchor, Gaspar e Baltasar para trasmitirlles os seus desexos.

No seu desfile polas rúas do municipio, as súas Maxestades serán acompañados nos diferentes tramos polo grupo de animación de Zancudos que guían a Estrela de Oriente, pola Rondalla do Centro Cultural de Parada, polo Séquito Real Mariño, polo Séquito Real de Oriente e polos Carteiros Reais, e a continuación as tres carrozas con Melchor, Gaspar e Baltasar.

As portas do Pavillón serán abertas sobre as 19:00 horas unha vez chegue a Cabalgata ás súas portas. Mentres os Magos de Oriente percorren as rúas Jesús Espinosa, Mariñeiro e Paseo Martímo haberá animación no recinto deportivo ata a entrada dos Reis ás 19:30 horas. Todo o evento estará dirixido polo director de teatro Diego Valeiras.

“Buscamos unha cabalgata diferente, na que participe todo Nigrán e que se convirta nunha viaxe chea de seres máxicos, de soños e de ilusión para todos os nenos de Nigrán”, declara Juan González, Alcalde de Nigrán.

ESPAZO VALEIRAS empresa de eventos escénicos presenta unha viaxe, a viaxe da Estrela de Oriente que cada 5 de xaneiro sae do fondo do mar para guiar aos Magos de Oriente a todas as casas e así cumprir cos desexos dos máis cativos e cativas e tamén dos maiores porque aínda temos agochado ese neno e nena no noso maxín.

Abrindo esta comitiva, a Estrela de Oriente no su carro de nubes vai guiando coas bengalas ao séquito de dormilóns que pouco a pouco van entrando en sono, vestidos cos seus pixamas e a súa almofada favorita desfilarán como seguindo a Hamelim cara o mundo dos soños, acompañados polas súas durmideiras.

Unha vez durmidos, os seres máxicos do fondo mariño emerxen das augas do mar e inundan a mente das nenas e nenos, Hipocampos de luz, baleas brancas voadoras, peixes alados mesturados con seres mitolóxicos, logo os músicos anuncian o Séquito Real de Melchor, que entre redes prateadas e antorchas acompañan a súa carroza.

De seguido un grupo de músicos e malabares coralinos anuncia o Séquito do Rei Gaspar, que mantendo as redes prateadas de auga mariña e alumeados por antorchas anuncian a chegada da súa carroza.

Por último outro grupo de animación xunto co Séquito do Rei Baltasar e tamén alumeando con antorchas anuncia a chegada da súa carroza real.