Baiona quere celebrar unha Arribada en outubro “por todo o alto”

A Capitanía Marítima de Baiona acolleu esta mañá a presentación oficial da XXVI Festa da Arribada, unha edición moi especial que este ano tivo que ser posposta para a primeira fin de semana de outubro, concretamente o 1, 2 e 3 de outubro, sendo o día 1 festivo local en Baiona. Ante o actual contexto sanitario e o panorama de incerteza que afecta a calquera tipo de previsión, o goberno local de Baiona decidiu o cambio de data da súa festa estrela programada, como é habitual, para esta primeira fin de semana de marzo nun intento de salvar a celebración.

O acto de hoxe foi presentado pola concelleira de Cultura, encargada de organizar a Festa da Arribada, Miriam Costas Iriarte, e nel interviñeron Ángela Rodríguez Miguens, Xefa de Zona Vigo-Sur de Abanca; a Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias Núñez; e a Presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva Rego. Carlos Gómez Prado, Alcalde de Baiona, foi o encargado de pechalo.

De Baiona partiron as noticias que informaron a toda Europa da existencia dun novo continente en 1493; unha efeméride que puxo á vila real no mapa da historia hai 528 anos e que desde fai máis dun cuarto de século celébrase ao grande coa Festa da Arribada. O evento, un dos nove de Galicia co distintivo de Interese Turístico Internacional, celebrouse de forma ininterrompida na vila desde hai 26 anos, e precisamente este é o gran anhelo e unha das máximas do goberno baionés nun ano marcado pola pandemia: que a Arribada de Baiona poida chegar a celebrarse e con iso búscase incentivar a economía local tras un ano difícil para a hostalería e o comercio.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca que “desde hai 26 anos, Baiona vén celebrando cada primeiro de marzo a Festa da Arribada, pero este ano será diferente: a data trasládase á primeira fin de semana de outubro, coa intención de conmemorar o 528 aniversario como se merece, por todo o alto”, precisamente este é o texto co que finaliza o vídeo promocional da Arribada 2021 presentado esta mañá.

O rexedor insiste en que a postura adoptada parte de asegurar unha festividade que “xera un retorno económico moi grande ao comercio local” entendendo que canto máis se distancie “máis posibilidades teremos de levala a cabo a pleno rendemento garantindo a seguridade dos asistentes”.

Goméz expuxo na súa intervención que “para iso, o equipo de Goberno aprobará unha batería de medidas dirixidas a garantir a seguridade sanitaria e cidadá de todos e todas para poder gozar de tres días cheos de historia, historia como a que estamos a facer agora sobrepoñéndonos toda a humanidade a unha pandemia mundial que está a sacudir a todo o planeta”.

Polo momento toca esperar e avogar por que a boa tendencia á baixa, en canto á incidencia de Covid-19 no municipio, siga confirmándose. Outro punto importante é a inmunidade da poboación e, co cambio de data, deste xeito tamén se deixa unha marxe para que se vacine á poboación. Gómez adiantou que “se irán adaptando ao transcurso dos acontecementos, aínda que sempre tentando que se leve a cabo unha Festa da Arribada o máis normal posible”.

Así mesmo, o rexedor finalizou a súa exposición argumentando que “estou convencido de que en Baiona sairemos adiante como sempre o fixemos, unidos e traballando en equipo, cooperando, e axuntando esforzos todos os sectores implicados na reactivación económica e turística do municipio. Para iso, teremos que seguir incentivando o comercio local, incrementado o consumo na nosa hostalería, apoiando aos nosos empresarios para que o que naceu como unha obrigación perimetral e de abastecemento local quede entre nós e convértase en costume, achegando o noso granito de area para reflotar e manter desta maneira ao sector turístico, comercial e económico da nosa vila”.

O acto de presentación xirou en torno á estrea do vídeo promocional da Arribada 2021, que ten por título “Mensaxe nunha Botella”. As protagonistas son dúas baionesas, Ángela Loureiro Giráldez e Ángela González Comesaña, que participaron anos anteriores na obra de teatro que se representa na praia Ribeira durante a festa.

O vídeo, que emocionou a todos os presentes na presentación da XXVI edición da Arribada, promocionará a festa de interese turístico internacional ao longo destes meses a través de distintos medios. O filme é en galego, e é inclusivo, xa que está subtitulado para as persoas xordas, e ademais hai outras versións que irán subtituladas ao castelán e ao inglés. O vídeo é obra de Ñó Espazo Creativo con sede en Sabarís e a súa autoría é da fotógrafa e profesional audiovisual Cris Grande.

“Este vídeo que servirá para promocionar a XXVI Edición da Arribada é un gran traballo que supera, con fartura, as expectativas que tiñamos no proxecto”, destaca o rexedor, Carlos Gómez Prado.

Tamén no acto de hoxe presentouse un novo doce oficial da festa, os “Panizos Indios”, unha receita típica indíxena que a panadería Yajoma de Sabarís recuperou e adaptou como doce para esta edición tan especial da Festa da Arribada.

Video Promocional da Festa da Arribada 2021

🎥 VIDEO: Video Promocional da Festa da Arribada 2021.

Publicado por Valmiñor TV en Viernes, 5 de marzo de 2021