Baiona baixará o recibo do lixo tras incorporar a bonificación de Sogama á ordenanza

O Concello de Baiona trasladará aos veciños e veciñas a rebaixa do canon que paga a Sogama en concepto de tratamento do lixo. O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, solicitou a Sogama unha bonificación do 10% no custo do tratamento de residuos durante este ano e o próximo, “tendo en conta que o Concello está en condicións de garantir a aplicación de medidas de redución de lixo e fomento da reciclaxe. Esta proposta supón que SOGAMA factúrelle ao Concello de Baiona 39.731,17 euros menos cada un dos exercicios”.

O total da minoración darase nun único recibo anual e terá carácter retroactivo, desde o mes de xaneiro do 2021. Os efectos económicos da bonificación do canon do exercicio 2021 deben trasladarse aos beneficiarios do servizo de recollida de lixo no exercicio 2022, ao dispoñer o artigo 7º da Ordenanza Fiscal do Concello de Baiona que o pagamento da taxa producirase o 1 de xaneiro de cada ano.

“A rebaixa que se producirá en Baiona segue unha liña de mellora do servizo de recollida de residuos, onde o Concello comprométese en trasladar ao recibo que pagan os veciños e veciñas calquera aforro no custo do servizo. O Concello de Baiona tamén se compromete así na adopción de medidas orientadas á redución na xeración de residuos e o fomento da reciclaxe en todas as súas formas”, sinala o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado.

Baiona levará ao pleno municipal de mañá a aprobación inicial da nova ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servizo de recollida e tratamento de residuos.