O Marías gaña a primeira etapa da Liga de Inverno Baitra J80

O Marías, liderado por Manuel Marías, foi o vencedor este sábado en Baiona da primeira etapa da Liga de Inverno Baitra J80, a competición invernal de monotipos organizada polo Monte Real Club de Yates que se disputará en cinco xornadas ata o próximo mes de maio.

O veleiro portugués, con Tiago Morais, Marta Ramada, Vasco Tinoco e Antonio Marías completando a tripulación, logro vencer na única proba que se puido disputar a causa do vento, que soprou con moi pouca intensidade, sempre por baixo dos 5 nós, e impediu celebrar as tres mangas previstas no programa.

O Marías partía como un dos favoritos nas quinielas e non defraudou. O equipo de novos regatistas lusos demostrou estar moi compenetrado nas manobras e logrou avantaxar ao resto da frota no dobre percorrido entre boias deseñado polo comité de regatas para esta etapa inaugural.

O Luna Nueva de Juan Luis Tuero tentou dobregar ao portugueses pero tivo que conformarse finalmente coa segunda posición e o Cansino de Fernando Yáñez quedou terceiro na clasificación provisional.

O Okofen de Javier de la Gándara, outro dos J80 con claras aspiracións ao título, non tivo moita sorte nesta primeira xornada e descolgouse ata a cuarta posición; seguido do Spaco de Santiago Estévez, que vai quinto, e o Due de Rafael Blanco, de Portosín, que é sexto.

A segunda xornada da Liga de Inverno Baitra J80 disputarase o próximo 20 de marzo.